· O acto serviu, así mesmo, para presentar o poemario Os puntos do impacto de Álex Mene, co que gañou a edición pasada do certame.
A Casa da Cultura de Carral acolleu, onte, o acto central do XXV Premio de Poesía Concello de Carral. Por un lado, o acto serviu para conceder o galardón da presente edición, que recaeu nas mans de Carlos Penela pola súa obra Trono e Caléndula. Polo outro, no evento levouse a cabo a presentación do poemario Os puntos do impacto, co que Álex Mene gañou a pasada edición.
Á cita acudiron o alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, que sinalaron o compromiso do goberno local por seguir apostando por este certame, un dos máis lonxevos da Comunidade. Así mesmo, á entrega asistiron representantes da Consellería, Educación, Formación Profesional e Universidade.
Unha traxectoria literaria dilatada
Carlos Penela conta xa cunha salientable traxectoria literaria, obtendo os premios Espiral Maior, Eusebio Lorenzo Baleirón en dúas ocasións, Caixanova, Miguel González Garcés e o accésit do premio Esquío de Poesía. Colaborou tamén con diversas revistas literarias e xornais como Grial, A Trabe de Ouro, Revista da AELG, xornal Nós… Xunto a esas publicacións, nos últimos anos foi publicando numerosos ensaios e artigos literarios e culturais desde os seus blogs, dedicados, fundamentalmente, a dar a coñecer a cultura de Europa Central ao público galego. Ademais diso, traduciu varios títulos de literatura portuguesa e alemá. Actualmente reside en Viena (Austria).
Para esta edición do premio o Concello de Carral configurou o xurado con Inma Otero, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Álex Mene. Como presidente actuou o concelleiro de Cultura Francisco Bello e como secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo.
Exposición polos 25 anos do Premio de Poesía
Como parte da xornada, o Concello inaugurou a exposición polos 25 anos do Premio de Poesía (dispoñible no Campo da Feira) e A luz dos poetas, un conxunto de lonas dispostas polo núcleo urbano (unha por cada un dos gañadores das edicións do certame).