Esta iniciativa busca premiar aos mellores proxectos elaborados na cidade destinados á loita contra o cambio climático
O Concello da Coruña convoca os premios Fernando Roade ao compromiso polo clima dirixidos a centros docentes e equipos universitarios de investigación, no campo da enerxía e o cambio climático. Esta iniciativa do Goberno municipal de Inés Rey busca premiar os mellores proxectos destinados á loita contra o cambio climático no período 2021-2022.
Tal e como indica a convocatoria, trátase de apoiar aos potenciais beneficiarios, “co obxecto de promover e apoiar a estas entidades como ferramentas activadoras e catalizadoras da estratexia local de loita contra o cambio climático”. Os premios van dirixidos aos centros docentes e equipos universitarios de investigación, con sede social ou delegación no municipio da Coruña, que presenten un proxecto, programa ou actividade que se axuste ao obxecto dos premios.
Haberá dous premios, un para o mellor equipo de investigación universitario, cun importe de 2.000 euros, e outro para o mellor centro docente, de 1.000 euros. Ambos os premios terán a denominación “Primeiro premio Fernando Roade ao compromiso co Clima” nas categorías de investigación e labor docente respectivamente, e acompañaranse das respectivas figuras conmemorativas e diplomas.
O Concello establecerá unha relación de premios de carácter non económico que se outorgarán no mesmo acto de entrega dos premios e que terán a denominación de segundo e terceiro premio Fernando Roade ao compromiso co Clima en cada unha das dúas categorías, que recibirán a figura e os diplomas correspondentes.
O conxunto de proxectos difundirase por todos os medios municipais e incorporaranse a
unha publicación dixital.
Fernando Roade, un funcionario comprometido co servizo público e o planeta
Fernando Roade Rodríguez, finado no 2019, foi un dos funcionarios que máis anos continuados traballou no Concello da Coruña. Foi o primeiro director da área de Medio Ambiente da cidade e tamén dirixiu a área de Sostibilidade. Durante os anos nos que estivo a cargo da sostibilidade municipal viviuse unha das etapas de maior esplendor en canto á implantación de solucións innovadoras e de propostas que renovaron a forma de afrontar os problemas desde o local, convertendo a nosa cidade nun referente de boas prácticas a nivel internacional.
O 24 de abril do ano 2008, durante un encontro do proxecto Practise Energy no Paraninfo da Universidade créase, grazas ao impulso de Roade, a Rede de Enerxía Sostible da Coruña co obxectivo de dotar á cidade dun instrumento de participación no que todos os axentes implicados na posta en marcha de políticas de loita contra o cambio climático estivesen representados.
Preto de oitenta entidades sumáronse, así, a un cambio de modelo enerxético para a nosa cidade no que todos terían a posibilidade de achegar propostas desde a súa óptica particular, como así ocorreu cos grupos de traballo que participaron na elaboración de Estratexia Local de Loita Contra o Cambio Climático.
Con esta convocatoria búscase recuperar este aceno de identidade, que se pretende manter vivo cuns premios que procuran o recoñecemento das mellores actuacións levadas a cabo na nosa cidade no campo da loita contra o cambio climático durante o período 2021-2022.