O crédito incrementase en 308.099 euros, que sumados ao orzamento inicial fan un total de 1.989.099 euros destinados a que ningunha vítima quede sen atender
A Secretaría Xeral da Igualdade vén de conceder unha ampliación de capital de máis de 300.000 euros á dotación orzamentaria inicialmente asinada para a concesión de axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.
Esta ampliación súmase aos 1.680.000 euros xa consignados no orzamento para estas axudas a principios de ano. O seu obxectivo é garantir ás mulleres vítimas da violencia machista unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibiliten iniciar -ou se é o caso, consolidar- a ruptura dunha situación na que corren perigo.
Dado o volume de solicitudes presentadas e o esgotamento do crédito inicial, Igualdade decidiu ampliar a partida para atender a este colectivo. Con esta actuación, que supón un importante esforzo económico, a Xunta reafirma o seu compromiso coas vítimas de maltrato, ás que lle ofrece os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia.
Recentemente, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, explicou en rolda de prensa que nos seis primeiros meses do ano concedéronse xa este tipo de axudas a 106 mulleres. As vítimas reciben por un período máximo de doce mensualidades unha achega que oscila entre os 300 e os 800 euros, en función dos seus ingresos, dos seus fillo/as menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables.
Requisitos das axudas
Os requisitos para optar ás axudas periódicas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
Ademais, tamén se esixe non ter percibido con anterioridade esta axuda ou a axuda de pago único establecida na Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para mulleres que, debido a súa idade, falta de preparación ou circunstancias sociais, teñan dificultades para obter un emprego e pola dita circunstancia non participen nos programas de emprego establecidos para a súa inserción profesional.