O programa abrangue, en primeira instancia, aos alumnos e alumnas maiores de 60 anos das clases de mantemento das Escolas Deportivas Municipais, e abrirase a toda a cidadanía entre xullo, agosto e setembro
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, inicia mañá o programa de actividades deportivas nos parques biosaudables da cidade, unha iniciativa orientada a animar, motivar e formar ás persoas participantes para a realización de exercicio físico diario e, ademais, a favorecer as súas relacións sociais.
A proposta comeza hoxe, e terá continuidade ata finais de xuño, cos alumnos e alumnas maiores de 60 anos que asisten ás clases de mantemento das Escolas Deportivas Municipais.
Así, de luns a xoves, e cos parques biosaudables da praza Almirante Romay e a rúa Azahar como puntos de encontro, as persoas asistentes poderán aprender polo miúdo como aproveitar correctamente as instalacións deportivas dos parques para executar traballos de tonificación muscular, flexibilidade, mobilidade articular, control postural e interacción grupal.
O plan de actividades abrirase á toda a cidadanía a partir do mes de xullo e ata finais de setembro, con vistas a aproveitar a posibilidade da realización de exercicio físico ao aire libre durante a tempada estival. Neste sentido, as actividades, que serán de balde e acceso libre nestes tres meses, levaranse tamén a cabo de luns a xoves (11.00 a 12.00 horas), baixo a supervisión dun profesional acreditado. As localizacións previstas son as seguintes:
● Xullo: Parques biosaudables da praza de Almirante Romay (Labañou) e rúa Azahar (Barrio das Flores).
● Agosto: Parques biosaudables do parque de Oza (Gaiteira – Castrillón – Monelos) e a Praza Elíptica (Os Rosales).
● Setembro: Parques biosaudables da praza Casares Quiroga (Elviña) e da Sagrada Familia.