María Soto presentará o seu novo libro “Confianza cien, expectativa cero” o vindeiro mércores 15 de xuño, ás 18:30 horas, nos xardíns da Biblioteca Rialeda. Nesta presentación haberá un coloquio aberto no que a autora explicará as bases da súa proposta educativa e responderá e atenderá as preguntas das persoas que asistan.
María Soto é unha das docentes habituais dos obradoiros do programa municipal Familias Inquedas, polos que xa pasaron unhas 200 persoas. Froito das súas reflexións e experiencias, tanto persoais como profesionais, neste segundo libro profunda no concepto da conexión coas fillas e fillos, apostando polas relacións sas, baseadas na confianza, no respecto, na igualdade e na comunicación, desde unha posición de igualdade e de horizontalidade.
Os medos, as relacións castigo-premio, as inseguridades, o adultismo, as ameazas… son elementos que precisan ser desterrados da crianza para favorecer e potenciar o crecemento e o desenvolvemento das persoas desde a súa primeira infancia. Nos últimos anos a súa participación en eventos educativos por todo o país, tanto presencial como en liña, así como as súas publicacións nas redes sociais, xeraron unha importante comunidade de familias que desexan criar e educar os seus fillos e fillas con este novo enfoque.