Saturday 16 de November de 2024

Concello e Xunta cofinanciarán o proxecto de mellora da sinalización no Parque Empresarial


O orzamento sitúase en torno aos 50.000 euros.

Na última reunión do Consello da Xunta acordouse conceder ao Concello da Laracha unha achega económica para o cofinanciamento do proxecto de mellora da sinalización nos accesos ao parque empresarial ao abeiro da convocatoria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Esta ampla actuación deseñada polo Concello presenta dúas liñas de intervención diferenciadas.
Por unha parte está a sinalización horizontal que ten por obxecto guiar e canalizar o tráfico dentro dos carrís de circulación e aumentar a seguridade viaria. Ditas marcas serán repintadas nos accesos, rúas e glorietas do ámbito industrial para incrementar a visibilidade das mesmas. Tamén serán remarcadas as prazas de estacionamento público de vehículos, bordillos, pasos de peóns, cebreados, símbolos (ceda o paso, stop, etc) e frechas. En total serán 13.571 metros lineais os que serán remarcados con pintura reflexiva de cor branca e amarela.

A outra liña de intervención consiste na instalación de nova sinalización vertical tanto no interior do propio parque empresarial como en estradas próximas a el, neste último caso para informar aos condutores sobre a dirección que deben seguir para chegar ao polígono industrial da Laracha.

O orzamento da intervención sitúase en torno aos 50.000 euros.