A alcaldesa resaltou hoxe, na segunda xornada do Spain Convention Bureau, o compromiso do Goberno municipal para que A Coruña sexa unha referencia no segmento do turismo sostible de reunións e negocios
O Palexco acolleu esta mañá a celebración da XXV Asemblea Anual do Spain Convention Bureau
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe á segunda e última xornada do Spain Convention Bureau, co Palexco como epicentro da XXV Asamblea Anual na que se emprazaron representantes institucionais e expertos en turismo MICE procedentes de máis de medio cento de destinos de congresos.
A rexedora puxo en valor o feito de que A Coruña fose a sede do Spain Convention Bureau 2022, transformando á cidade no referente nacional do turismo de reunións e congresos durante esta semana. “A Coruña dispón das infraestruturas necesarias para atraer ao sector de turismo de negocios nun momento clave, no que debemos apostar pola innovación e a sostibilidade para trazar unha folla de ruta acorde á sociedade do futuro, máis humana e respectuosa co medio ambiente”, sinalou Inés Rey.
A alcaldesa resaltou a importancia do turismo MICE —o segmento orientado a reunións e congresos—, “indispensable para paliar a estacionalidade da actividade turística e achegar un valor engadido que, tras a crise sanitaria derivada da pandemia, debemos ter moi en conta”. Neste sentido, Inés Rey anunciou que o Concello “está traballando para especializarnos e conseguir que a cidade se posicione, turisticamente, como un destino ECO-MICE, implementando medidas eco-friendly que ademais de beneficiar ao medio ambiente, permitirán atraer a demanda de viaxeiros sostibles”.
Para isto, subliñou, “apostamos por novas formas de mobilidade sostible, a humanización das rúas para facelas máis accesibles, e tamén pola renovación total do sistema de iluminación pública para facela máis eficiente e respectusa coa contorna”.
Ademais, Inés Rey recordou a aposta do Goberno municipal para “situar á cidade como a referencia do turismo cultural e os grandes eventos no noroeste de España”, coa presenza xa confirmada de artistas recoñecidos a nivel mundial como Rosalía e Camilo, e a próxima celebración de eventos como o Morriña Fest e o Atlantic Pride.
A Lonxa da Coruña mostra o seu potencial económico e turístico ante representantes da Spain Convention Bureau
Os representantes da Spain Convention Bureau que se desprazaron esta semana ata A Coruña para a celebración da súa Asemblea Anual coñeceron esta mañá o funcionamento e o potencial económico e turístico da Lonxa da Coruña. Unha corentena de asistentes visitaron esta mañá as súas instalacións antes de continuar a actividade no auditorio de Palexco.
O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan IgnacioBorrego, acompañado do xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Moisés Jorge Naranjo, exerceron de anfitrións no evento inicial da segunda e derradeira xornada da Asemblea Anual do Spain Convention Bureau. Alí foron recibidos polo presidente e xerente da Lonxa, Juan Carlos Corrás, e representantes dos colectivos a cargo das poxas e das embarcacións.
Entre as persoas asistentes á visita estivo o presidente da Spain Convention Bureau e alcalde de Las Palmas de Gran Canaria, Augusto Hidalgo, o presidente da A Coruña Convention Bureau, Álvaro Lens, e representantes institucionais de destinos de congresos como Ciudad Real, Denia, Sitges, San Sebastián, Elche, Gijón, Mallorca, Menorca, Madrid, Málaga, Santander, Segovia, Lanzarote, Gijón, Cartagena, Santiago de Compostela, Bilbao, Zaragoza, León e Salamanca.
Spain Convention Bureau
O Spain Convention Bureau está formado por 59 destinos de reunións e eventos e constituíuse no seo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A cidade herculina forma parte do Spain Convention Bureau a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, destacando como un dos polos de referencia para a atracción de grandes eventos e reunións profesionais.
A institución coruñesa está a cargo da promoción técnica e especializada da Coruña para o fomento do turismo MICE, un obxectivo que comparte coa alcaldesa, Inés Rey, a través da ampliación e o desenvolvemento de novas infraestruturas sostibles coas que seguir facendo da cidade un referente para o turismo de congresos e de grandes eventos.