Na primeira semana de xuño deron comezo os labores de acondicionamento das cunetas de titularidade municipal da man da Ecobrigada da Asociación Amicos, segundo informa a Concellaría dos Servizos Municipais da Pobra do Caramiñal.
A edil Estefanía Ramos (Nós Pobra) explica que estas tarefas se desenvolven tódolos anos por estas datas por coincidiren co incremento da flora silvestre e, para a eliminación desta, o Concello volve contar coa devandita brigada, reiterando así o seu apoio á inserción laboral de persoas con diversidade funcional.
Os traballos de mantemento consisten na roza e na limpeza das marxes das estradas do municipio pobrense, focalizándose na retirada da vexetación e do lixo, para contribuír a mellora-la visibilidade e a seguridade dos camiños. Comezouse no Campiño e proseguirase no Maño para ir chegando progresivamente a tódolos núcleos do termo municipal.