O concelleiro de Mocidade, Pablo Mauriz, informou da apertura do prazo de inscrición, hoxe, no proxecto “Summer Camp Narón 2022”, dirixido a menores nados entre 2005 e 2009 empadroados en Narón. “En total ofértanse vinte prazas, de balde, para que as rapazas e rapaces poidan participar en diferentes actividades vencelladas á cultura urbana e ao deporte alternativo”, indicou o edil.
A iniciativa levarase a cabo do 11 ao 16 de xullo, incluídos, na Casa da Mocidade da Gándara, aínda que contempla tamén propostas que se realizarán noutros concellos da comarca, como Neda ou Valdoviño, e mesmo na provincia lucense, en Viveiro. O horario das actividades será de 10.00 a 14.00 horas agás o 15 de xullo, xornada na que se programa unha saída a Viveiro que terá lugar de 10.00 a 17.00 horas.
Obradoiros de surf, de DJ, de danza urbana, de tunaxe de roupa, unha ruta polo río Belelle, en Neda, un vídeo fórum e unha visita ao parque de aventuras Roq Park en Viveiro forman o programa deseñado dende o Concello para eses seis días do mes de xullo, tal e como avanzou Mauriz. “Trátase dunha proposta diferente a través da que queremos que as mozas e mozos de Narón realicen actividades relacionadas con diferentes áreas, o deporte, a música, o medio ambiente, a cultura… co fin de ofrecer un tempo de lecer no que tamén poidan aprender”, subliñou.
As solicitudes poderán presentarse ata o 4 de xullo ás 13.00 horas a través da Sede Electrónica de Narón, o Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón. As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1111).