Friday 22 de November de 2024

O Concello abriu o prazo para solicitar axudas para o pago de liquidacións de acometidas para abastecemento e saneamento no rural


O Concello abriu hoxe venres -durante quince días hábiles- o prazo de solicitude de axudas para o pago das liquidacións tributarias de acometidas para abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros na zona rural. Así se recolle no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de onte, no que se estipulan tanto as condicións destas axudas como os requisitos para optar ás mesmas, sendo un deles estar empadroado/a na vivenda para a que se solicita. As subvencións destinaranse ás acometidas realizadas con posteridade ao remate do prazo de solicitude de axudas convocadas no ano 2020 ata o último día do prazo de solicitude deste ano en novos tramos das parroquias da estrada do Trece, Prados-Ferrerías, a avenida Malde Vizoso, o Camiño Vertente, o Camiño da Presa do Rei, Pena Parda e O Couto e as parroquias do Val, Sedes, Pedroso e San Xiao.

Así mesmo, subvencionaranse as obras de acometidas que estando rematadas dentro do prazo de solicitude das axudas da convocatoria do ano 2020 se atoparan pendentes de recibir a notificación da liquidación tributaria do importe das citadas obras, ao remate do prazo de convocatoria.

En canto aos destinatarios destas axudas, deben ser propietarios de vivendas con escasa capacidade económica que houberan satisfeito ou deberían satisfacer (se solicitaron ou teñen concedido o fraccionamento de pago) o importe das taxas xeradas para conectarse á rede de auga ou alcantarillado. A través destas subvencións sufragarase en parte o custe das acometidas de abastecemento de auga e rede de sumidoiros na zona rural do Concello de Narón.

As solicitudes poderán presentarse a través do modelo oficial do Concello xunto coa documentación correspondente na Sede Electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello. As persoas interesadas en recibir máis información poden consultar a Sede Electrónica do Concello, ou dirixirse ao Rexistro municipal ou ao Servizo Sociocomunitario –no primeiro andar do Consistorio-.