Saturday 16 de November de 2024

As áreas de Servizos e Medio Ambiente adiantan a preparación do areais feneses


O Concello tamén ampliará os aparcadoiros en Río Sandeu e O Coído, ademais de balizar as praias de Limodre para evitar a entrada de embarcacións na zona de baño

O Concello de Fene levou a cabo a primeiros deste mes de xuño os labores de acondicionamento das praias da costa municipal. Os traballos centráronse no peneirado e limpeza da area, pero tamén na reposición de mobiliario -duchas e outro equipamento- e no adecentamento tanto dos accesos como do entorno de cada un dos areais. O consistorio adianta a preparación das zonas de baño en case un mes con respecto ao que viña sendo habitual, co obxectivo de que todo estea en orde de revista para o inicio oficial do verán e a noite do San Xoán.

O operativo de limpeza das praias ocupouse das que habitualmente están máis concorridas -Coído, Río Sandeu, Almieiras e Río Castro, en Limodre- e tamén das da Ribeira de Maniños, O Carril (Barallobre) e San Valentín. Estas dúas últimas non son aptas para o baño, mentres que as cinco primeiras contan cunhas augas de clasificación sanitaria excelente, segundo lle comunicou recentemente a Consellaría de Sanidade ao Concello.

A actuación máis visible foi a do peneirado, aireación e volteado da area, que se acompañou da recollida de restos vexetais e crebas para o seu tratamento axeitado. Para este cometido o Concello adxudicou en 14.260 euros un contrato con vixencia ata o mes de setembro que comprende non só a preparación inicial das praias, senón tamén o seu coidado durante toda a temporada estival, incluído o baleirado de papeleiras e a limpeza dos accesos.

Alén dos traballos recollidos neste contrato de mantemento, o Concello tamén acometeu ou está acometendo outras melloras. Unha delas foi a renovación do sistema de duchas en Almieiras para integralo mellor no entorno. A outra -e quizais a de maior envergadura- é a creación de dous aparcamentos nas inmediacións de Río Sandeu e na praia do Coído, xa planificados o ano pasado pero que non puideron levarse a cabo até este momento. Por último, proximamente tamén se balizará a fronte costeira desde Río Sandeu ata Almieiras para impedir a entrada de embarcacións na zona de baño.

San Xoán e o verán, á volta duns días
Os departamentos de Servizos e de Medio Ambiente aceleran deste modo a preparación dos areais feneses de cara a que as persoas usuarias os atopen nas mellores condicións posibles agora que parece que o tempo asenta e pode darse por iniciado o verán.

Ademais o Goberno local tamén adiantou os traballos case un mes con respecto a anos anteriores pensando en que as zonas de praia se presten como entorno ideal para a celebración das fogueiras da noite do San Xoán, previa solicitude no Concello.