Bo día, a ACRUGA acaba de informar da suspensión da poxa de xovencas de raza rubia que ía desenvolverse mañá sábado en San Ramón con motivo da feira do gando vacún. Segundo a asociación de criadores, a suspensión obedece á detección dun problema sanitario nun dos animais que obriga a manter en corentena todo o lote que se tiña previsto vender.
Malia este contratempo de última hora, a V Feira do Gando Vacún de Moeche promete ser unha das máis concorridas do ano, tanto se falamos de visitantes como de animais. Neste sentido cabe destacar que confirmaron a súa asistencia máis dunha trintena de gandeiros, que acudirán a San Ramón coa intención de vender xatos e vacas de todas as razas. Un deles mesmo informou ao Concello de que traerá arredor de 40 animais, polo que se espera que a feira supere amplamente o cento de exemplares agardando a cambiar de mans.
Polo demais, a feira contará cos alicientes de todas as citas do 11 e o 23: produtos da terra, alimento fresco e elaborado, chacinas, roupa, ferramentas… pero tamén os típicos postos de churros, polbo e churrasco.
25 imaxes participan no concurso fotográfico da feira
Con motivo da Feira do Gando Vacún, o Concello reeditou o concurso fotográfico que premiará aquelas instantáneas que mellor reflictan, por unha banda, os labores dunha granxa e, por outra, a vida no rural. Todas as imaxes estarán expostas mañá na Nave do Mercado, onde serán valoradas a partir das 12:00h por un xurado experto. O premio para cada categoría é un Trofeo Irmandiña.
Ademais destes dous galardóns, o Concello tamén recompensará cun abono de temporada para a piscina municipal á autora ou autor daquela fotografía que xunte máis apoios do público, sumando para iso os “gústames” que obteña en Facebook e os votos que se depositen nunha urna situada ao pé da exposición. Todos os premios entregaranse no mercado do sábado 18.