Na pasada semana comezou unha nova campaña de control da velocidade nas vías urbanas e rurais promovida polo Concello da Pobra do Caramiñal e que se estenderá ata finais do presente mes.
Os controis son levados a cabo por parte do corpo policial pobrense en puntos de maior risco e contando para ese cometido cun vehículo radar cedido temporalmente pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
A este respecto, o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), fai fincapé en que non se poñen en marcha este tipo de accións cun afán recadatorio, senón como medida disuasoria do exceso da velocidade ao tempo que se insiste na obrigatoriedade de cumpri-la normativa en materia de circulación para así reduci-la sinistralidade.