Ata 20 alumnos e alumnas poderán recibir estes galardóns
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a orde pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria (ESO) ao esforzo e á superación persoal co obxecto de dar recoñecemento público á dedicación do alumnado desta etapa formativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios, dotado cada un deles dunha contía de 750 euros.
Requisitos
Os alumnos e alumnas interesados terán que ter rematados os estudos de cuarto curso da ESO no ano académico 2014/15 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, estar propostos polo equipo docente para a expedición do título e merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG e deberán de presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario dispoñible no enderezo web https://sede.xunta.es.