A Administración local da Pobra do Caramiñal acaba de aproba-las bases reguladoras do proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para a contratación de socorrista, socorrista-xefa/e do servizo e persoal auxiliar de información de primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais. Este documento foi remitido ó Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) para, unha vez que se publique nel o anuncio da convocatoria, abri-lo prazo de presentación de solicitudes. No momento en que así sexa, darase conta disto a través das canles municipais.
O concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), e a súa homóloga do Persoal, Estefanía Ramos (Nós Pobra), detallaron o contido destas bases e incidiron en que o obxectivo é ter un mínimo de 12 persoas contratadas no servizo para cubri-las praias da Lombiña, da Illa e, nas fins de semana e festivos, as piscinas naturais do río das Pedras durante os meses de xullo, agosto e mediados de setembro.
As probas selectivas realizaranse mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal dos postos indicados e as persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos mínimos segundo o cargo.
No caso de que se queira optar a contratos supeditados á subvención da Xunta dentro do Programa de salvamento e socorrismo, as persoas candidatas deberán estar rexistradas nas oficinas de emprego do Servizo de Emprego Público Estatal (Sepe) como demandantes de emprego para o posto de socorristas. A dita condición haberaa que cumprir no momento en que se formalice o contrato.
As solicitudes de participación faranse mediante unha instancia que se presentará na sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal no prazo de 5 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ó da publicación no BOP. Xunto coa solicitude débense achega-las copias simples da documentación requirida nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.