Friday 22 de November de 2024

O Partido Popular solicita do comercio, a hostalería, a empresa e os autónomos a súa valoración sobre as condicións en que realizan a súa actividade en Cambre


Empezaron a repartir un cuestionario con 15 preguntas relativas ao grao de satisfacción cos distintos servizos municipais.

Cunha magnífica acollida por parte do sector, representantes do Partido Popular estan repartindo unha enquisa nos distintos núcleos do municipio coa que pretenden ter un coñecemento directo de todo canto preocupa ao pequeno comercio, a empresa, autonomos e hostalería.

Entre outras cuestións, solicítase do sector que se valore a seguridade, a limpeza, iluminación ou facilidade de aparcamento nas zonas onde se asintan. Tamén se require a opinión dos enquisados sobre os apoios que reciben do concello especialmente en temas de visualización e promoción das súas actividades, xestións administrativas, taxas e axudas económicas.

“Entre as cuestións expostas, a creación dunha Plataforma Dixital, para a localización e publicidade dos negocios e actividades, o contido da súa oferta e a compra ou reserva de produtos en liña, é das máis relevantes” manifestan.

Unha vez finalizada esta prospección, os populares farán públicas as súas conclusións e elaborarán un documento onde se establezan prioridades e obxectivos para potenciar estas actividades que consideran fundamentais para a economía municipal.

“Este goberno crea máis problemas dos que resolve, e non estamos dispostos a abandonar á súa sorte a un sector produtivo vital para Cambre e a súa economía” aseguraron.