Thursday 21 de November de 2024

Trenor destaca o intenso traballo dos distritos na prevención e loita contra os incendios forestais


― O delegado da Xunta visitou o distrito forestal situado en Vimianzo para saudar ao persoal e coñecer de primeira man o traballo que desenvolven

― O representante do Goberno galego tamén destacou o investimento, que se está a realizar nesta zona, de 80.000 euros na mellora de áreas cortalume e de pistas forestais na Costa da Morte para avanzar na prevención de incendios

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o distrito de forestal ubicado en Vimianzo para saudar ao persoal que presta servizo nel, e coñecer de primeira man o traballo que desenvolven, así como as instalacións que ocupan.

O Distrito Forestal V – Fisterra, comprende os concellos situados na parte occidental da provincia: Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo, e Zas.

Trenor lembrou que as funcións básicas deste distrito son a xestión forestal de limpeza e acondicionamento do monte e a prevención e extinción dos incendios para o que contan con máis de 117 traballadores, entre xefe de distrito, técnicos, emisoristas, vixiantes fixos, operadores codificadores, axentes medioambientais e brigadas de medio rural, ademais de 4 brigadas municipais conveniadas con Muros, Santa Comba, e Zas.

O delegado da Xunta tamén destacou o reforzo realizado pola Xunta nos últimos anos nos equipos materiais e vehículos o que lles permite dispoñer de 6 motobombas de Medio Rural con 18 condutores de motobomba , unha motobomba municipal conveniada con Santa Comba, un helicóptero con brigada helitransportada en Lomba (Santa Comba) e a disponibilidade do aeródromo de Mazaricos como base alternativa para avións de carga en terra.

Campaña incendios
Trenor destacou que este ano máis de 1.400 personas traballarán na campaña de incendios deste ano repartidas en diferentes brigadas ás que hai que sumar os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, así como os membros dos equipos de investigación e os equipos de bombeiros comarcais, entre outros.

O delegado da Xunta subliñou a importancia do traballo coordinado entre as diferentes administracións nas actuacións que leven a cabo, tanto no campo do prevención como no da extinción dos lumes co fin de lograr unha maior eficacia. Insistiu, ademais, na importancia do traballo de prevención que levará cabo para conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos ambientais producidos polos incendios forestais.

Durante a visita fixo un chamamento á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade incendiaria da que teñan coñecemento.

Mellora de áreas cortalume e pistas forestais
Trenor tamén lembrou que a Consellería do Medio Rural está a investir máis de 80.000 euros na mellora de áreas cortalume e de pistas forestais na Costa da Morte e Barbanza, co obxecto de avanzar na prevención de incendios. As actuacións céntranse en zonas de alto risco de rexistrar lumes forestais dos concellos de Vimianzo, Mazaricos, Carnota e Muros, todos eles pertencentes ao distrito forestal V Fisterra.

En cifras, os traballos que se están a levar a cabo roldan as 27 hectáreas de mellora de áreas cortalume. En relación ás pistas forestais, actuarase en preto de 37 hectáreas de faixas auxiliares e en 5 quilómetros deste tipo de vías.

Cabe engadir que os labores, localizados en montes de xestión pública, comezaron no monte de Tal, no concello de Muros, realizando mellora de pistas. Posteriormente, continuarán no monte de Bornalle, da parroquia muradá de Abelleira, tamén con mellora de pistas, ademais de roza de faixas auxiliares.

Os traballos enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural. Cabe sinalar que a programación de 2022 vénse de aprobar no Consello da Xunta e contempla un investimento de 33,1 millóns de euros, para actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación.