Os 5 pavillóns municipais de Oleiros albergan unha actividade deportiva moi intensa, desenvolvida tanto polos clubs deportivos como por parte do Concello. Nesta tempada que está a piques de rematar, foron 978 os e as deportistas que utilizaron semanalmente para os seus adestramentos estas instalacións, nas que se celebraron máis de 560 competicións.
Para fomentar o deporte, especialmente entre nenos e nenas, o Concello cede gratuitamente o uso dos pavillóns aos clubs do municipio para os seus adestramentos e competicións. Ademais das obras de conservación e mellora, o Concello inviste 228.661 euros anuais nestes recintos.
Baloncesto, balonmán, voleibol, ximnasia rítmica, patinaxe de velocidade, patinaxe artística, judo, fútbol sala, bádminton, tenis de mesa, escalada deportiva e hóckey a patíns son os deportes que concentraron un maior uso dos pavillóns.