Friday 22 de November de 2024

O Fórum Metropolitano proxecta esta semana o thriller “Antología de un pueblo fantasma”, nomeado a un Oso de Ouro no Festival de Berlín 2019


As salas Marilyn Monroe e Fernando Rey acollen, entre xoves e sábado, tres xornadas consecutivas de cinema en versión orixinal subtitulada ao castelán

O Fórum Metropolitano abre mañá as súas portas a tres xornadas consecutivas de cinema que darán continuidade, de xoves a sábado, aos ciclos de thriller e comedia en V. O. S. que comezaron este mes de xuño.

A sala Marilyn Monroe proxectará “Antología de un pueblo fantasma” (Répertoire des villes disparues, 2019), longametraxe canadense dirixida por Denis Côté e protagonizada por Robert Naylor e Josée Deschênes, que achega a historia dunha pequena e remota vila en Québec, de só 215 veciños, conmovidos pola morte en accidente de tráfico de Simón Dubé, un dos habitantes da localidade. A medida que todas e todos avanzan na asimilación do sucedido, unha serie de persoas descoñecidas comezan a chegar á vila, acompañadas por unha espesa néboa.

A obra, de 96 minutos de duración, foi nomeada ao 69º Festival Internacional de Berlín, no ano 2019. Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 9 (20.00 horas), venres 10 (20.00 horas) e sábado 11 (17.30 e 20.00 horas).

“El brindis”, na sala Fernando Rey
Tamén entre xoves e sábado, a sala Fernando Rey acolle catro proxeccións da longametraxe francesa “El brindis” (Le discours (2020), unha comedia dirixida por Laurent Tirard.

Protagonizada por Benjamin Lavernhe, Sara Giraudeau, Kyan Khojandi e Julia Piaton, a película céntrase na figura de Adrien, de 35 anos, neurótico, hipocondríaco e inmerso nunha crise de madurez. Durante unha cea coa súa familia, a súa noiva non contesta ás súas mensaxes e o seu cuñado pídelle que sexa el o encargado de redactar e ler o que será o discurso da súa voda.

O filme recolle ecos das clásicas producións humorísticas e irónicas francesas, baixo o retrato dunha cena na que os absurdos brindan momentos e diálogos cheos de enxeño.

A película, de 87 minutos de duración, está recomendada para todo tipo de públicos. Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 9 (20.00 horas), venres 10 (20.00 horas) e sábado 11 (17.30 e 20.00 horas).

As entradas, xa á venda
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros