Friday 22 de November de 2024

O vindeiro 19 de xuño terá lugar a Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando polo Dano Cerebral’


A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, acompañada polo presidente da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), Luciano Fernández, presentou esta mañá esta carreira solidaria que se celebrará o domingo 19 de xuño e transcorrerá pola Alameda e o Campus Sur de Santiago. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 16 de xuño nas modalidades de carreira ou de andaina, ambas de 5 quilómetros.

“Camiñar polo dano cerebral” é mirar polos demais, chamando a atención sobre a situación do colectivo de persoas con esta discapacidade, e coidarse a un mesmo, practicando exercicio para manter uns hábitos saudables que nos protexan do ictus. Así o explicaron esta mañá a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente da FEGADACE, Luciano Fernández, na rolda de prensa de presentación da Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’ que vai ter lugar o domingo 19 de xuño en Santiago.

Un ano máis, o Concello presta o seu apoio á Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) que organiza esta actividade co obxectivo de promocionar o exercicio físico, como un dos hábitos fundamentais para evitar o sedentarismo, a obesidade e reducir os niveis de estrés, condicionantes que constitúen factores de risco do ictus, a principal causa do dano cerebral adquirido. Tamén colaboran na organización do evento a Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle, o centro Encuentra tu Potencial, a Federación Galega de Atletismo e Consellería de Política Social, así como máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinan e/ou apoian de diferentes maneiras, e que se poden ver no cartel da carreira e andaina solidaria.

A concelleira Esther Pedrosa animou a toda a poboación compostelá a participar, camiñando ou correndo, por esta causa solidaria e salientou o interese da cidade por promover uns hábitos saudables a través do deporte.

‘Camiñando Polo Dano Cerebral’ por Compostela
A cita deportiva, que ofrece a posibilidade de participar correndo ou camiñando, consiste nun circuíto que vai percorrer sendeiros e rúas da Alameda e do Campus Sur compostelán. O percorrido exacto, así como as demais condicións e normas de participación, pódese consultar no regulamento da carreira. Esta comeza ás 10:00 no punto de saída e meta: o monumento a Manuel Ventura Figueroa (avenida Antonio Raimundo Ibáñez, Campus Sur).

A inscrición está aberta en www.carreirasgalegas.org ata o xoves 16 de xuño ás 23:59 h nas seguintes modalidades:

• Carreira: 5 km | 12 euros | Inicio ás 10:00. Dirixida a maiores de 18 anos. Haberá entrega de trofeos, realizados polas persoas con dano cerebral adquirido nas asociacións de FEGADACE, para os/as tres primeiros/as atletas, nas categorías feminina e masculina.
• Andaina: 5 km | 6 euros | Inicio ás 11:00. Para maiores de 16 anos ou menores acompañados/as dunha persoa adulta.

Para as persoas que queiran colaborar pero non poidan participar, é posible achegar unha doazón ao Dorsal Cero.

O evento comeza ás 9:15 coa apertura das mesas de dorsais e do servizo de gardarroupa. Aínda que se dispoñibiliza a entrega excepcionalmente a entrega de dorsais o mesmo domingo ata as 9:45, esta realizarase preferentemente o sábado 18 de xuño de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 na Clínica Médica E-Saúde (Rúa Alfredo Brañas, 27 – Santiago de Compostela).

Cos dorsais farase entrega dunha camiseta conmemorativa. Haberá avituallamento sólido e líquido para todas as persoas participantes ao seu paso pola liña de meta. Tanto a camiseta como o avituallamento entregaranse ás persoas participantes na carreira e ás que acoden á andaina.

Deporte e dano cerebral adquirido
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou o ano pasado un Trail e Andaina Solidaria, e ten previsto promover máis actividades deportivas ao longo de 2022. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:

1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima.

Segue toda a información en #PoloDanoCerebral!

FEGADACE
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: ADACECO (A Coruña), ADACE en Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Santiago). Xuntas representan algo máis de 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou por un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.