A Pobra do Caramiñal contará cun amplo programa de actividades que achegan o Concello e os clubs para desfrutar e practicar deporte durante o verán deste 2022. A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a técnica municipal desta área, Ana Romero, explican que a axenda se deseñou pensando nos distintos rangos de idade.
Deste xeito, para a rapazada haberá fútbol de praia, tenis, patinaxe artística, baloncesto, atletismo, fútbol base, remo, tiro con arco, vólei de praia, xadrez, xogos de mesa e pádel. Ademais, ofértanse diversas disciplinas para as persoas adultas: pilates, camiñadas + estiramentos, ximnasia de mantemento, camiñadas para maiores e vólei de praia.
O prazo para se anotar abrirá no 15 de xuño. As persoas interesadas poden solicitar información e formaliza-la súa matrícula na oficina dos Deportes do Concello, situada na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, co teléfono de contacto 981831545 e co enderezo electrónico deportes@apobra.gal.
A maiores, durante a tempada estival terán lugar numerosas competicións deportivas como, por exemplo, a I Carreira Solidaria Móvete Pola Diabetes, a regata de traíñas Bandeira Concello da Pobra, o cuadrangular comarcal de pádel, o torneo de basket 3×3, o trofeo Conde Fenosa de fútbol ou a milla urbana nocturna.
E, no eido de deporte para todas e todos, transcorrerá a Festa da Bici, no 12 de xuño, e o Día do Deporte na Rúa, no 26 de agosto.