Friday 22 de November de 2024

O Concello pon en marcha o plan para a mellora integral do espazo público no grupo de vivendas de María Pita-Labañou


As obras na primeira fase terán un prazo de execución de oito meses desde a súa adxudicación, e abranguen a reforma das rúas para gañar en accesibilidade, a creación dunha grande zona de xogos no patio interior e a ampliación das zonas de arboredo na contorna

O Goberno municipal tamén aprobou hoxe diversos convenios con entidades sociais por valor de 761.000 euros

O Concello da Coruña aprobou esta mañá, en Xunta de Goberno Local, a tramitación anticipada para a contratación das obras incluídas na Fase 1 do plan de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita-Labañou, un proxecto xa aprobado, tamén en Xunta de Goberno Local, a finais de marzo.

Así, o Goberno de Inés Rey acometerá un amplio plan de melloras na zona máis transitada dentro da urbanización, unha área delimitada pola avenida de Labañou, a rolda de Outeiro e a rúa Tomás Fábregas, na que se levará a cabo un investimento de 742.042,19 euros. O prazo de execución dos traballos, desde a súa adxudicación, será de oito meses.

A alcaldesa puxo en valor o plan para reurbanizar o grupo de vivendas de María Pita-Labañou, onde “buscamos dar un xiro á realidade urbanística coa meta de renovar e modernizar por completo a contorna”. Entre as melloras previstas está a futura configuración das rúas, que pasarán a ser de plataforma única, diferenciando a zona de tránsito rodado e a peonil; a creación dunha grande área de xogos no patio interior do bloque de vivendas, a ampliación das zonas de arboredo na urbanización; así como un incremento na dotación de mobiliario urbano nas zonas de lecer, onde tamén se acometerán reformas orientadas a garantir a accesibilidade da cidadanía, como unha gran rampla aproveitando a supresión do muro de contención do patio interior.

“O noso obxectivo é apostar por un deseño máis aberto e inclusivo dos espazos públicos, tamén por un tráfico máis atenuado, garantindo a seguridade vial na contorna, que, ademais, humanizarase. O tramo da rolda de Outeiro que atravesa o grupo de vivendas pasará a ser unha especie de bulevar que rematará no Paseo Marítimo”, detallou Inés Rey.

Este proxecto dá continuidade ao plan de melloras urbanísticas impulsadas polo Concello no barrio de Labañou. En novembro do ano pasado, o Goberno municipal aprobou un orzamento de máis de 570.000 euros en axudas á rehabilitación e reforma de inmobles no grupo de vivendas de María Pita-Labañou.

Convenios con entidades sociais
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe diversos convenios con entidades sociais por valor de 761.000 euros, “o que axudará ao desenvolvemento de actividades clave dentro do noso compromiso cunha cidade inclusiva que non deixe a ninguén atrás”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Neste sentido, autorizáronse dous convenios coa Institución Benéfico Social Padre Rubinos, para axudas sociais e o programa ‘Calor e café’, coa Fundación Adcor para a formación laboral de persoas con discapacidade psíquica, con Renacer para o programa de atención ás persoas maiores en situación de soidade e con Aclad para a atención a persoas toxicómanas.

Ademais, o Concello resolveu a cesión dun novo local social destinado á asociación Ecos del Sur, situado no grupo de vivendas do Carme (rolda de Outeiro, 17). A cesión, gratuíta e por un prazo dun ano, será prorrogable ata un máximo de catro. Grazas a este acordo, Ecos del Sur poderá prestar servizos especializados de asistencia social á poboación inmigrante e ás familias autóctonas en risco de exclusión.

Melloras na rede semafórica
Ademais, a Xunta de Goberno Local autorizou este mércores a adxudicación do contrato para a implantación dun novo sistema tecnolóxico, cun prazo de execución de catro meses, para mellorar a mobilidade na cidade.

O investimento, de 596.995,79 euros, abrangue, por un lado, a adquisición de reguladores semafóricos centralizados e integrados na sala de control de Tráfico, que ofrecen un aforro enerxético de máis do 25 % con respecto aos actuais, e permitirán mellorar a conectividade dos mesmos cos diferentes actores da mobilidade urbana (transporte público, particulares, ciclistas, CMP, peóns).Ademais, adquírense tamén dispositivos para informar dos tempos de verde dos pasos semafóricos nos principais itinerarios peonís e na contorna das zonas escolares, centros de saúde e centros de día.

Por último, instalaranse dispositivos acústicos con activación mediante tecnoloxía bluetooth en máis de 200 semáforos da cidade, o que permitirá a activación do dispositivo só cando realmente vaia a cruzar unha persoa con deficiencias visuais, evitando así o problema da contaminación sonora.

Solución urbanística para o edificio inacabado no barrio dos Rosales
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén o estudo de detalle para a ordenación do esqueleto do soar existente no número 50 da rúa Emilio González López, no barrio dos Rosales, un trámite necesario antes da concesión da licenza que permitirá rematar a edificación do esqueleto, o derradeiro existente no distrito.

Con esta actuación, o Goberno municipal afonda na regularización dos esqueletos urbanísticos que quedaban na cidade: os da rolda de Monte Alto; a rúa Cancela de Fóra, preto do parque de Santa Margarida e a rolda de Nelle xa teñen licencia.

Operación de crédito
A Xunta de Goberno Local tamén vén de adxudicar unha operación de préstamo a longo prazo para afrontar importantes investimentos previstos nos orzamentos deste 2022. O importe do préstamo é de 21 millóns de euros.

Licenzas
Por outra banda, o Goberno municipal deu conta das licenzas resoltas durante o período comprendido entre o 20 de maio e o 2 de xuño. Houbo un total de 171 expedientes notificados, dos que 18 foron licenzas urbanísticas e 97 foron obras en réxime de comunicado.