Saturday 16 de November de 2024

A Deputación licita as obras de mellora da seguridade viaria e renovación de servizos na rúa Francisco Lorenzo en Aguiño


A actuación ten un orzamento de máis de 460.000 euros

O Boletín Oficial da Provincia anuncia hoxe a apertura do proceso de contratación mediante procedemento aberto das obras para a mellora da seguridade viaria e renovación de servizos na rúa Francisco Lorenzo Mariño (segundo a nomenclatura do BOP: DP 7305 entre o p.k. 0+000 da DP 7306 e o cruzamento coa rúa Carreiro), vía principal de entrada ao núcleo de Aguiño.

O prazo para presentar ofertas é de 26 días naturais e hai un único criterio de valoración. As entidades interesadas deben remitir as súas propostas ao Rexistro Xeral da Deputación Provincial (sito na rúa Alférez Provisional nº2, planta baixa).

Incluída no Plan de Travesías da Deputación, a obra ten un orzamento de 464.877,76 euros e un prazo de execución de 10 meses. O financiamento da obra é provincial a partir dun proxecto técnico elaborado polo Concello.

A actuación inclúe a renovación de beirarrúas ao longo dun tramo de máis de 700 metros, modificando a súa disposición alí onde sexa necesario ata acadar un ancho mínimo de 1,80 metros pola banda esquerda (indo en dirección Aguiño) e entre 1,40 e 4,47 na parte dereita.

Tamén se construirán seis pasos elevados para afianzar a seguridade dos peóns, instalaranse dúas liñas de pluviais (unha en cada marxe) e soterrarase a canalización eléctrica. Consérvase o dobre carril.