Un total de 200 profesionais da odontoloxía de España e Portugal reunirase no 11 de xuño co gallo da décimo quinta edición do simposio organizado polo Atlantic Dental Institute dentro das actividades de Dentsply Sirona Academy, convertendo A Pobra nun punto de referencia no campo da formación odontolóxica especializada.
O congreso recupera así o formato presencial trala paréntese ocasionada pola pandemia derivada da COVID-19 en 2020 e trala súa realización na modalidade a distancia no pasado ano.
Como promotor desta acción, o doutor Gonzalo López Castro puxo de manifesto a importancia da tecnoloxía de vangarda no panorama da medicina e, nomeadamente, na odontoloxía. Neste senso, sinalou que, actualmente, o/a paciente “pode acceder ao tratamento final previo á realización, polo que podemos acceder á visualización do resultado final do tratamento, á planificación e á diagnose.”
Pola súa parte, José Rodríguez, en representación de Dentsply Sirona Academy, agradeceu a disposición existente na Pobra para seguir a colaborar con este proxecto.
Na súa intervención, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), recoñeceu o esforzo realizado polas dúas entidades presentes para que “o noso concello se sitúe na vangarda da odontoloxía” e agarda que as persoas asistentes coñezan os recursos e actividades de lecer presentes na localidade.
O dito evento formativo revisará os últimos avances producidos no ámbito da odontoloxía, facendo especial fincapé na implantoloxía, dende o punto de vista do/a paciente como centro de todo o proceso asistencial. O programa impartirase durante toda a mañá no Auditorio do Museo Valle-Inclán e arrancará co coloquio Hagamos predecible la ortodoncia digital, da man de José Santos Soage, director clínico de Dental Forte e especialista en odontoloxía multidisciplinar, para dar paso ao doutor Alberto Monje con La regeneración como método de prevención. Despois dunha breve pausa, será a quenda de Sinergia Bilogía-Tecnología para el reto del implante unitario en el área estética, a cargo de Sergio García Bellosta, codirector do máster en Odontoloxía Integrada de Adultos da Universidade de Barcelona e experto en odontoloxía mutidisciplinar, e concluirá cunha mesa redonda.
A maiores, na xornada previa, Alberto Monje impartirá a un grupo reducido de 24 profesionais o taller teórico-práctico Terapia reconstructiva para el manejo de la preiimplantitis na clínica do doutor Gonzalo López Castro.