O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá con Rubén Fernández e Alejandro Basoa, presidente e vogal respectivamente do Club Balonmán Narón, o “XXVIII Torneo de Balonmán Cidade de Narón”. O evento terá lugar este sábado, día 11, no pavillón polideportivo da Gándara, en horario de mañá e tarde, tal e como avanzou Oreona, que animou á cidadanía a acudir a esta cita deportiva, na que participarán uns 150 deportistas de cinco clubs.
Dende a organización valoraron o compromiso do Concello co deporte en xeral e co balonmán en particular e avanzaron que o torneo dará comezo ás 10.00 horas. Participarán ademais do equipo anfitrión, o Balonmán Narón, os do Tirso de Molina, de Ferrol, o BM Pontedeume, o BM Xallas e o BM Brigantium. A primeira hora xogarán os catro equipos de alevíns en dúas pistas a mini balonmán, nun formato de “todos contra todos”. Os cadetes xogarán ás 12.45 e a entrega dos trofeos matinais está prevista para as 14.30 horas aproximadamente.
Pola tarde retomarase a competición ás 17.30 horas, cos equipos Senior masculino, para continuar ás 20.00 cos Senior feminino e rematar o evento sobre as 22.00 horas.
O edil de Deportes, José Oreona, desexou moita sorte neste torneo ao equipo local e agradeceu o traballo que desenvolven ao longo do ano para fomentar esta modalidade deportiva na cidade.