Saturday 16 de November de 2024

A Xunta prepara a súa participación nun Programa Europeo que financiará proxectos de cooperación transfronteiriza


A Dirección Xeral de Relacións Exteriores asistirá a un seminario explicativo do programa INTERREG V-A, que se celebrará o 23 de setembro en Portoalegre

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea participará no seminario que terá lugar o 23 setembro en Portalegre, no Alentejo portugués, co gallo do lanzamento da primeira convocatoria do Programa INTERREG V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEC).

O seminario estará centrado en expoñer aos asistentes os obxectivos e as prioridades deste programa, as modalidades de xestión, o circuíto financeiro e as principais liñas da convocatoria. Ademais da Xunta de Galicia, participarán tamén as demais Comunidades Autónomas e Comisións de Coordinación portuguesas da fronteira hispano-lusa, así como os Ministerios de Facenda de ambos os dous países e a Comisión Europea.

Durante o seminario, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, como coordinadora rexional do programa, incidirá especialmente na coordinación que existe entre os obxectivos da convocatoria e os do Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) que aprobou a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal en 2014 para planificar conxuntamente as actuación da Eurorrexión ata o 2020.

Así mesmo, o departamento encargado das Relacións Exteriores da Xunta tamén destacará a integración do INTERREG V-A coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS-3) Transfronteiriza, a primeira dunha Eurorrexión en toda a Unión Europea.

Actuacións centradas na I+D+i e o medio ambiente
O novo programa ten por obxecto a participación en accións de cooperación transfronteiriza, centradas en mellorar as infraestruturas de I+D+i, promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos, preservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia de recursos, e mellorar a capacidade institucional das autoridades públicas e as partes interesadas, ademais da eficiencia da administración pública.

A convocatoria estará aberta do 30 de setembro ata o 30 de novembro. Poderán presentar proxectos todas aquelas institucións con incidencia nas áreas de fronteira. As candidaturas deben contar, polo menos, cun socio portugués e outro das comunidades autónomas españolas lindantes co país veciño.