As inscricións abrirán o día 13 de xuño para as persoas empadroadas
O Concello de Cabanas informa da posta en marcha de dous campamentos de verán, urbano e deportivo, que se celebrarán durante os meses de xullo e agosto no apeadoiro do Areal e no pavillón do CEIP Eladia Mariño, respectivamente.
No campamento urbano Cabanas Concilia, destinado a nenas e nenos nados desde o ano 2010 a 2018, levaranse a cabo actividades como teatro, contacontos, música, obradoiros, xogos populares e actividades de natureza, mentres que no campamento deportivo, orientado a nenas e nenos a partir de 7 anos, desenvolveranse actividades para iniciarase na práctica deportiva de forma lúdica e promocionar un estilo de vida saudábel, incluíndo xogos acuáticos, baloncesto, bádminton, voleibol hóckey, béisbol, fútbol ou balonmán.
As inscricións a estes campamentos poderán ser quincenais ou de carácter mensual, cuns prezos de 40 e 65 euros, respectivamente. As prazas asignaranse por orde de inscrición, e darase prioridade ás persoas empadroadas, e ademais, no caso do campamento Cabanas Concilia, as familias con menos ingresos económicos.
A formalización da inscrición das crianzas nestes campamentos farase no Rexistro Municipal, presencial ou telematicamente, entre os días 13 e 17 de xuño para as persoas empadroadas, e entre os días 20 ao 23 de xuño, para as non empadroadas. Deberase incluír ademais a seguinte documentación:
Solicitude cuberta.
Copia DNI da persoa solicitante.
Copia DNI ou partida de nacemento da nena ou neno participante.
Copia da tarxeta sanitaria da nena ou neno participante.
As persoas que desexen máis información pode dirixirse ao 981 495 959, na extensión 3 para o campamento deportiva, ou nas extensións 2 ou 6 para o campamento urbano Cabanas Concilia.