— ‘Instruments de musique et compotier sur une table’, que plasma a figura dun gaiteiro, pertence á Fundación belga FABA e está depositada no Museo Picasso de Málaga
— O Goberno autonómico ultima os contactos con distintas entidades para a gran exposición que organizará no Museo de Belas Artes da Coruña en 2023
— “Nesta exposición divulgaremos a etapa galega do artista malagueño do xeito máis completo posible con pezas singulares que están en distintos centros do mundo, para o que é precisa a colaboración institucional”, indica Román Rodríguez
A Xunta de Galicia vén de acadar o préstamo dunha peza de Picasso que reflicte a súa influencia galega nos seus primeiros anos e que se incorporará á exposición que está a organizar para conmemorar o 50 aniversario do artista en 2023. Así se acordou na reunión mantida en Sevilla entre o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a consejera de Cultura y Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo, para establecer distintas vías de colaboración sobre proxectos culturais estratéxicos.
En concreto acordouse coa Junta de Andalucía o préstamo da peza Instruments et musique et compotier sur une table, na que o artista malagueño retrata un gaiteiro. É propiedade da fundación belga FABA e actualmente está depositada no Museo Picasso de Málaga. No encontro tamén se avanzou en distintas colaboracións con centros expositivos de Andalucía para incorporar así outras pezas relevantes na traxectoria artística de Picasso, como óleos sobre lenzo, libros ilustrados ou litografías actualmente no Museo Casa Natal Picasso ou no Museo Provincial de Málaga, entre outros.
“Divulgaremos a etapa galega de Picasso, quizáis unha das máis descoñecidas dentro de súa ampla traxectoria, do xeito máis completo posible e é precisa a colaboración institucional para acadalo. Esa foi unha época fundamental para o desenvolvemento do seu carácter e estilo ao coincidir en anos clave da súa vida persoal e cónstanos que son varias as pezas que o demostran en distintos centros expositivos”, expresa o titular de Cultura da Xunta.
Formación en Galicia
Coa incorporación desta peza, a exposición na que traballa a Xunta, Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023, avanza no seu deseño. Poderá verse no Museo de Belas Artes da Coruña e enmárcanse nos actos que se celebrarán en 2023 con motivo do 50 aniversario da morte de Picasso dentro do Anniversaire Picasso 2023, que conmemorarán conxuntamente España e Francia nos seus museos e cidades picassianas.
Este novo proxecto expositivo estará comisariado por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira. Abarca as etapas fundamentais da súa producción e para cada unha será selecionada ao menos unha peza mestra que se relacionará con outra ou outras do seu período de formación en Galicia.
Itinerancia Vía da Prata
Ademais de estabelecer sinerxías para a conmemoración do aniversario de Picasso, o encontro entre o titular de Cultura da Xunta e a súa homóloga andaluza tamén serviu para avanzar en posibles colaboracións con outros proxectos en marcha. En concreto, tráballase na itinerancia en Andalucía da exposición A Vía da Prata. Aires do Sur, a segunda mostra do proxecto impulsado pola Xunta que comezou co Camiño Portugués e que se adentra nos Camiños de Santiago a través da fotografia.
Inaugurada esta semana en Santiago e comisariada pola historiadora e documentalista Lucía Laín, reflexiona sobre a diversidade e a interrelación entre a tradición e as culturas dos pobos polos que passa o Camiño.