O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, María Teresa París, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, María Teresa París, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a execución do proxecto “Plan 2015: 10 anos de vacacións con traballo”.
O convenio ten por obxecto o fortalecemento, dende o local, e a sensibilización da sociedade galega en torno á cooperación para o desenvolvemento. Para tal fin, o Goberno galego destinará unha contía de 40.000 euros, subvencionando así máis do sesenta e cinco por cento do proxecto.
Máis polo miúdo, entre os propósitos do convenio destacan: reforzar a rede humana e organizativa-institucional do Fondo Galego, xerar actividades de sensibilización social e educación para o desenvolvemento entre as entidades socias e visibilizar o traballo do Fondo e da cooperación municipalista galega. Xornadas, exposicións, teatro, cine, encontros dixitais, misións a países do Sur ou o propio programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo son algunhas das accións contempladas.
Esta non é a primeira vez que ambas entidades colaboran pois, dende o ano 2000, a Xunta vén contribuíndo as actuacións do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no ámbito da sensibilización e educación para o desenvolvemento, a través das sinaturas dos correspondentes convenios. Máis en detalle, no período comprendido entre os anos 2004 e 2015 o importe total das achegas concedidas superaron os 550.000 euros.
A cooperación para o desenvolvemento é un ámbito primordial para a Xunta de Galicia, tal e como pon de manifesto o III Plan director da Cooperación Galega, que recolle este convenio. O Plan recoñece o papel do Fondo para potenciar a cooperación local e así mellorar a súa coordinación e capacidade, ademais de establecer como un dos seus obxectivos a sinatura dun convenio anual.
Ademais, o Fondo Galego está recoñecido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) como Axencia Municipal Galega para a Cooperación. Queda claro que o seu papel é primordial, como así o recoñece a Xunta, que renova o seu compromiso en apoio á consolidación do Fondo como instrumento vertebrador da cooperación municipal.