Friday 22 de November de 2024

A Xunta e o concello colaboran na renovación do polideportivo municipal da Laracha cun investimento de máis de 39.000€


― O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado das obras que tiveron un orzamento total de maís de 39.000 euros e contaron cunha axuda do Goberno galego de 25.000 euros

― O obxectivo destas achegas é apoiar a práctica deportiva nos concellos mellorando as instalacións municipais

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel Varela, supervisaron o resultado das obras de polideportivo municipal da Laracha que contaron cun orzamento total máis de 39.000 euros dos cales a Xunta achegou 25.000 euros

Trenor destacou a colaboración entre o Goberno galego e o Concello permitiu a substitución das placas do lucernario, a reparación e protección do canlón existente mediante pintura impermeabilizante e substitución dos tramos máis deteriorados, a pintura das ménsulas de acero do aleiro da cuberta e substitución das máis deterioradas, a reparación do pintado interior e exterior dos muros e o repaso e substitución da tornillería da cuberta en mal estado e protección da mesma con pintura.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é a de apoiar a práctica deportiva no concellos”. Segundo indicou Trenor “trátase de contribuír a potenciar o deporte, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Así, o delegado da Xunta tamén apuntou que “fomentar a actividade deportiva e os hábitos saudables cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”.

Ademais, resaltou que estes proxectos contan “coa colaboración directa dos concellos que ademais de aportar unha porcentaxe do custe da obra son os encargados da redacción do proxecto e da execución da mesma”.