O Concello de Oleiros procederá ao reparto de 16.000 kg de alimentos procedentes da Unión Europea entre 279 familias do municipio que neste momento se atopan en situación de emerxencia social. Todas as persoas que reciben estes produtos son citadas individualmente por SMS en horarios concretos para que poidan recoller os alimentos sen sentirse estigmatizadas.
Ademais deste reparto de alimentos, o Concello está a axudar a todas estas persoas mediante a entrega de bonos para acceder a produtos frescos en supermercados; custeando integramente o comedor escolar dos nenos e nenas destas familias; entregando axudas para o pagamento do aluguer ou a factura da luz, a compra de electrodomésticos e artigos imprescindibles no fogar, gafas ou dentista; asumindo os gastos de medicamentos; bonificando o 95% do custo das actividades organizadas polo Concello,… Ademais realízase tamén un importante investimento no Servizo de Axuda no Fogar, para a atención de persoas maiores e dependentes nos seus domicilios.
O Voluntariado de Oleiros colabora neste reparto de alimentos.