Friday 22 de November de 2024

O Campamento Sementeira oferta 30 prazas para aprender xogando durante o verán


O Concello de Moeche abrirá o venres o período de solicitude de praza, no que terá prioridade a rapazada matriculada no CEIP e a empadroada no municipio

O Concello de Moeche manterá aberto do 10 ao 22 de xuño o prazo de solicitude do campamento de conciliación Sementeira que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto. Nel poderán anotarse nenas e nenos con idades entre os 3 e os 12 anos -con preferencia para o alumnado do CEIP San Ramón- ata completar o cupo de 30 prazas que se ofertan este ano. Durante as mañás gozarán dunha chea de xogos e actividades educativas tendo como punto de referencia o Pavillón Municipal, aínda que a cativería tamén fará saídas a outros lugares -incluso irán de excursión a Corax Fauna, en Paderne- e contará con máis propostas e máis variadas para encherlles o tempo de lecer. Da coordinación do campamento encargarase a empresa EspazoVivo, adxudicataria en 12.980 euros dun servizo que incrementou os seus custos nun 30% con respecto ao ano pasado.

Sementeira estrutúrase en dúas quendas, unha durante o mes de xullo e outra ao longo do mes de agosto, divididas á súa vez en dous horarios de mañá de luns a venres: de 8:30 a 14:00h -horario Madrugadoras- e de 10:00 a 14:00h.

Para cada mes ofértanse un máximo de 30 vacantes –2 delas reservadas para casos derivados de Servizos Sociais ou urxentes-, que se cubrirán, en primeiro lugar, mirando a data de rexistro da solicitude. Se houbese máis peticións que prazas, o Concello daralle prioridade ao alumnado do CEIP San Ramón, logo ás familias con algún membro empadroado en Moeche e, en último caso, a familias nas que algún membro teña vinculación laboral no municipio. En calquera dos casos anteriores tamén se lles dará preferencia ás solicitudes do horario madrugador, onde só hai 8 prazas dispoñibles.

Os nenos e nenas que entren máis cedo terán xogos e obradoiros de lectura ata as dez da mañá, cando se incorpore a totalidade de participantes e comecen as actividades conxuntas. O punto de encontro é o pavillón polideportivo de San Ramón, onde se concentrarán boa parte das propostas matutinas, aínda que tamén haberá saídas ao recinto de San Ramón, ao circuíto de educación viaria, á aula informática da Casa do Concello, á área recreativa e a piscina de Souto Grande, ao castelo… mesmo está prevista unha excursión ao espazo de fauna Corax, situado en Paderne, onde conviven medio cento de especies animais domésticas e salvaxes.

Por outra banda, a rapazada tamén desfrutará da tradicional festa de fin de campamento que engadirá como novidade o fútbol-burbulla e o xogo por equipos de marcaxe láser.

Formularios e documentación
As familias que queiran inscribir as súas pequenas ou pequenos deberán entregar no Concello ou rexistrar na Sede Electrónica a documentación requirida, que pode descargarse nas ligazóns que hai máis abaixo. O prazo de inscrición no Campamento Sementeira 2022 para o mes de xullo permanecerá aberto entre o 10 e o 22 de xuño, ambos días incluídos.

Os formularios son a folla de inscrición -que deberá ir acompañada do DNI da persoa solicitante e tamén da persoa ou persoas autorizadas para recoller a rapazada-, a ficha médica onde se fan constar datos esenciais para o coidado (alerxias, intolerancias, algún tratamento…), e, por último, a folla de autorización referida a datos de carácter persoal e á práctica de actividades acuáticas ou excursións.

Prezos
Os prezos están fixados en 80€ para o horario madrugador e en 70€ para quen entre hora e media máis tarde. As tarifas redúcense progresivamente a partir do segundo irmán ou irmá que acuda ao campamento. No prezo inclúense tanto o servizo como o seguro de accidentes e os custes de excursións e viaxes. Tal e como precisa o Goberno local, o Sementeira ascende este ano a 12.980 euros, “un 30% máis que en 2021”. A subida do custe do servizo trasladarase parcialmente ás tarifas. “Sobe 10 euros ao mes o prezo para as familias cun só fillo ou filla, mentres que no tramo para as familias numerosas se manteñen tarifas reducidas”, apunta Beatriz Bascoy.

Só poderán efectuar o pagamento da praza as familias de nenos ou nenas matriculadas no CEIP San Ramón e as familias que figuren empadroadas no Concello, dado que son as que teñen preferencia. Neste primeiro prazo tamén poderán reservar para o mes de agosto pagando os dous meses.

Así que remate o prazo de matrícula confirmaráselles a praza ás familias sen empadroamento para que fagan o ingreso do importe correspondente. As prazas para a quenda de agosto do Sementeira poderán solicitalas entre o 15 e o 26 de xullo.