O alcalde accidental de alcalde de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá no Concello xunto con Samuel Bustabad, José Luis Fernández e Begoña Espina, presidente, vogal e socia respectivamente do Club Ciclista Narón a “I BTT Resistencia Cidade de Narón”. Sánchez Fojo anunciou que hoxe mesmo se abre o prazo de inscrición neste evento deportivo que terá lugar o vindeiro 3 de xullo e que está limitado á participación de 300 persoas.
O presidente do club local explicou que a iniciativa consiste nun percorrido circular duns oito quilómetros, con saída e meta nas inmediacións do local da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, de Pedroso, ás 10.00 horas. A proba levarase a cabo durante tres horas por pistas forestais e sendeiros da citada parroquia naronesa e a dificultade da mesma é media-baixa. Dende a organización explicaron que poden participar persoas maiores de 16 anos, que deberán realizar nun tempo de tres horas o máximo número de voltas posibles ao circuíto.
Neste evento deportivo establecéronse diferentes categorías: masculina, feminina, parellas masculina, parellas feminina, parellas mixta e e-bike. Os dorsais entregaranse o mesmo día da proba, un par de horas antes do inicio da mesma nas inmediacións das instalacións de “A Pombiña”. As inscricións poden formalizarse ata o 29 de xuño a través da web: www.magmasports.com.
O primeiro tenente de alcalde felicitou ao club local polo traballo realizado para poder desenvolver este evento en Narón, amosando a súa confianza en que sexa todo un éxito e teña continuidade no tempo.
Pola súa banda, dende o Club Ciclista Narón, con preto dun centenar de socias e socios, agradeceron a implicación do Concello naronés e animaron á cidadanía a inscribirse no evento, que confían en poder incluír o vindeiro ano nunha liga autonómica.