Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba inicialmente o Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago


A Xunta de Goberno Local, aprobou inicialmente o Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3), presentado polo Consorcio de Santiago con data 31 de maio de 2022, que ten por obxecto garantir a protección dos terreos afectados polas rutas do Camiño de Santiago que discorren no seu ámbito, a preservación dos elementos e dos valores culturais vinculados a esta ruta xacobea, e a súa integración urbanística na contorna. Desde e do resto de acordos adoptados, informou, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O plan foi elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio, por encargo do Concello de Santiago. O documento establece as medidas necesarias para garantir a protección e recuperación do patrimonio que deba protexerse nos ámbitos do Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Monte do Gozo, o Monte Viso e os Castros de Bando e San Marcos”. inclúe tamén a delimitación dos ámbitos da zona de servizo do aeroporto (segundo o Plan director vixente), das zonas de afección acústica, e das afectadas por servidumes aeronáuticas, segundo a documentación achegada por Aviación Civil.

En base a que este plan tamén ten como obxectivo promover a protección, xestión e ordenación da paisaxe, segundo o “Convenio Europeo da paisaxe” elaborouse un traballo de diagnose da situación do ámbito, tendo en conta información histórica, a caracterización da paisaxe e a análise dos trazados do Camiño. A partir dese estudo, definíronse os elementos estratéxicos a ter en conta no Plan Especial Director: os elementos de valor ecolóxico, as diferentes escenas paisaxísticas, o Camiño de Santiago, os elementos de valor patrimonial, os asentamentos de poboación e as súas dotacións e infraestruturas e o sistema agroforestal. O documento define os obxectivos a conseguir para cada un deses elementos estratéxicos.

No relativo aos elementos de valor ecolóxico, os obxectivos do Plan Especial Director do Camiño Francés son evitar a perda de biodiversidade e a posta en valor dos recursos, favorecendo a interacción coas persoas. En canto ás escenas paisaxísticas, o documento persegue preservar as composicións visuais características do ámbito, mellorar as deficiencias das paisaxes urbanas e periurbanas, recuperar as composicións visuais históricas, e conseguir unha mellora visual do Camiño. O Plan Especial apunta tamén á necesidade de recuperar e acondicionar o Camiño de Santiago, avoga por protexer e recuperar o patrimonio intanxible e construído, e demanda a revitalización dos núcleos de poboación, mellorando a súa calidade estética e ambiental e favorecendo o equilibrio entre poboación e equipamentos e servizos. Por último, en canto ao sistema agroforestal, o documento ten como obxectivos poñer en valor a paisaxe agraria e contribuír á sustentabilidade do modelo produtivo.

No que respecta á ordenación e protección da paisaxe, o Plan Especial propón catro Áreas de Protección que representan os elementos con maior singularidade do ámbito. Trátase da Área de Protección dos Valores Ecolóxicos (áreas de interese ambiental e formacións vexetais), a Área de Protección dos Fondos Escénicos (partes do territorio que presentan fraxilidade visual), a Área de Protección do Camiño (elementos con valores ecolóxicos, culturais e visuais máis directamente vinculados á ruta xacobea) e a Área de Protección dos Valores Patrimoniais Culturais (elementos de patrimonio cultural sometidos a unha protección individualizada polos seus valores específicos).

O Plan Especial Director do Camiño Francés define, ademais, dúas áreas de ordenación que se analizan de maneira máis detallada pola necesidade de dar resposta á regulación de determinados ámbitos en solo urbano e rural. Esas dúas áreas son a de asentamentos; e dotacións e infraestruturas, para a que se aposta pola definición de novas ordenanzas para os ámbitos de solos de núcleo rural e os urbanos que se atopan en lugares de transición ao rural; e do Sistema Agroforestal.

Durante a elaboración do Plan Especial Director do Camiño Francés, realizouse un traballo pormenorizado de análise e identificación dos elementos de interese patrimonial de tipo etnográfico, industrial, construído, arqueolóxico e natural; recollidos nun pormenorizado catálogo no que aparecen Áreas de Interese Ambiental, xacementos arqueolóxicos, vestixios históricos do Camiño, arquitectura relixiosa, vivendas labregas e construcións adxuntas como muíños ou pombais.

En canto ao programa de actuacións, no documento defínense actuacións globais, que son aquelas que lle afectan ao conxunto do ámbito ou a varios emprazamentos e que teñen un carácter máis estratéxico, e as actuacións integrais que inclúen diferentes tipos de accións sobre unha mesma contorna.
Na proposta de acordo que foi a Xunta de Goberno aclara que nesa aprobación se inclúe a seguinte modifivación: “No núcleo de San Paio, afectado pola pegada sonora do Aeroporto, non poderán autorizarse novos usos sanitarios que inclúan aloxamento de enfermos, agás informe favorable da Dirección xeral de Aviación civil”.

Tamén informa que, por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da Lei 2/2016 do solo de Galicia e 86 do seu Regulamento, o acordo de aprobación inicial determina a suspensión do outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba no ámbito do Plan especial durante o prazo máximo de dous anos.
A suspensión afecta tamén ás seguintes actividades:

– A implantación de usos ou actividades non permitidas polo plan especial.
– As obras de reforma que sexan incompatibles coa normativa do plan especial, agás as de mera conservación e mantemento do uso preexistente.
– A autorización de usos e obras provisionais en solo urbanizable que non teñan aprobado definitivamente a súa ordenación detallada, agás xustificación da necesidade da súa implantación e informe favorable da Comisión Asesora.

Agora, tal e como acordou a Xunta de Goberno, vaise someter este Plan especial ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación da provincia.

Simultaneamente, practicarase notificación persoal aos propietarios das parcelas afectadas, segundo figuren no Catastro. Durante o trámite de información pública solicitaranse os informes sectoriais preceptivos

Outros acordos
O executivo municipal tamén due luz verde ao orzamento de transporte urbano 2022, e a compensacióin anual a percibir pola entidade operadora do servizo UTE TRAPSA-ALUSA que, segundo o orzamento, é de 5.126.146,85 euros. Segundo a proposta de acordo, “tendo en conta que a entidade recibirá, segundas cláusulas contractuais, ás que remite o acordo de continuidade do servicio, mensualmente a doceava parte do 90% da compensación anual autorizada, o Concello de Santiago lle deberá abonar 4.613.532,17 €, en once pagos de 384.461,01 € cada un e un pago de 384.461,06 euros.

Acordouse, ademais, a adhesión do Concello de Santiago de Compostela ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) (DOG 16/01/2018). As condicións da adhesión son as establecidas na Resolución de 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as condicións para a adhesión dos concellos ao Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe promovida pola Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través de Sogama.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou os textos dos convenios de colaboración de carácter social entre o Concello de Santiago e cinco entidades por un importe total de 43.000 euros. Son, en concreto, a “Escola de tempo libre Don Bosco”, por unha contía de 5.000 euros; “Fundación Down Compostela”, por 10.000 euros; a “Fundación Andrea de Apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais”, por 3.000 euros; o “Colexio de Avogados de Santiago”, por 2.000 euros; e coa “Fundación Secretariado Xitano” que contaría cunha subvención de 23.000 euros.

Aprobouse, a maiores, o o procedemento de admisión, e matrícula para os nenos e nenas refuxiados ucraínos nos Servizos de Comedor e Madrugadores na rede de centros públicos de educación infantil e primaria do concello de Santiago de Compostela para o curso 2021-2022. O Concello de Santiago asume o custe total destes servizos. En cando a admisión do alumnado ucraíno, será automática unha vez recibida a solicitude por parte do centro.

Por oura banda, aprobouse definitivamente o pago da subvención de 122.974 euros, solicitada por unha Comunidade de Propietarios da rúa Bispo Diego Peláez, de Vista alegre, incluída na ARI (Área de Rehabilitación Integral) do barrio de Vista Alegre. Esta cantidade repartirase entre 17 perceptores comuneiros que teñen acreditada a totalidade dos requisitos esixidos aos beneficiarios, en base a cota de participación de cada un deles.

No apartado de licenzas, destacan a concedida á USC licenza para a reforma do módulo da Facultade de Ciencias da Educación para aloxar a unidade de xestión de Centro de Departamento (UXCD), que conta cun orzamento de execución material de 303.499 euros. Tamé se deu lo visto bó ao convento de San Francisco para levar a cabo as obras de conservación da cuberta da igrexa, situada no Campiño de San Francisco, que terán un custe estimado de 368.378 euros. Ademais, concedeuse a Lar Stellae Inversiones licenza de obras para a construción dunha edificación destinada a hostal na Rúa Vite de Abaixo, cun orzamento material de 275.096 euros. A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente. e cualificado coa Ordenanza 11 de núcleos tradicionais incorporados ao solo urbano.