Friday 22 de November de 2024

A explotación dos recursos naturais en Myanmar, a exame na proxección do ciclo Documental do Mes que terá lugar mañá no centro sociocultural Ágora


‘A Thousand Fires’, galardoada na “Semaine de la Critique de Locarno 2021”, achégase ao día a día das familias que traballan de xeito artesán nos pozos petrolíferos do rural do país

O auditorio do centro sociocultural Ágora abre as súas portas este martes, 7 de xuño, para unha nova proxección do ciclo Documental do Mes, que chega á súa sexta sesión deste ano co punto de mira en Extremo Oriente.

‘A Thousand Fires’ (2021), un documental dirixido polo cineasta francés Saeed Taji Farouky, achégase ao día a día das familias que traballan de forma artesán na industria petroleira do rural de Myanmar, centrándose na historia de Thein Shwe y Htwe Tin. O seu fillo maior, Zin Ko Aung, busca deixar atrás un sistema ancorado no tradicional que somete á súa familia a unha explotación continua.

Farouky inspirouse na oscarizada ‘There will be blood’ (2007), dirixida por Paul Thomas Anderson e protagonizada por Daniel Day-Lewis, para achegar unha óptica diferente sobre os contrastes globais do mundo petrolífero no século XXI. Así, o documental detalla como a cultura popular de Myanmar condiciona a forma de vida dos protagonistas, marcada por cuestións como a astroloxía e os choques xeracionais.

A peza, que foi galardoada na “Semaine de la Critique de Locarno 2021”, proxectarase ás 20.00 horas en versión orixinal subtitulada ao castelán.

As entradas, xa a venda
As entradas para asistir á proxección deste martes 3 están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de luns a venres, en horario de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas, coa excepción dos festivos), cun prezo de 2,50 euros para o público xeral e de 2 euros para as e os usuarios que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean en situación de desemprego. Os pases tamén poderán adquirirse mañá, o día da proxección, nos despachos de billetes do Centro Sociocultural

Ágora desde unha hora antes do inicio da sesión, sempre que haxa entradas dispoñibles.