Santi é un pai adolescente que vive nunha pequena poboación costeira e traballa nas bateas polo día e marisquea de maneira furtiva polas noites. Xunto coa súa moza Lucía e o bebé que teñen en común, residen na casa do seu proxenitor, que está enfermo e vive recluído no seu cuarto. Ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar.
Esta é a sinopse de Rompente, unha curtametraxe galega de Eloy Domínguez Serén, que se proxectará no teatro cine Elma da Pobra do Caramiñal, no 11 de xuño, ás 21.00 horas. Organizado pola Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), o acto contará tamén cun posterior coloquio co director e co protagonista desta peza audiovisual.
O filme mereceu a “Biznaga de Plata” á mellor curta de ficción na vixésimo quinta edición do Festival de Málaga, ademais de gaña-la sección de ficción do Festival de Cans neste 2022. O elenco está composto por Sergio Baleirón, Soraya Luaces e Vicente Mohedano.
A entrada é libre ata completa-la cabida.