Friday 22 de November de 2024

Luz Fandiño “A poeta analfabeta”, exemplo de vitalidade e compromiso social


O documental dirixido por Sonia Méndez proxéctase este venres pola mañá na Casa da Cultura de San Sadurniño con entrada libre

A Casa da Cultura acollerá este venres ás 11:30h o pase do audiovisual “A poeta analfabeta”, dirixido por Sonia Méndez. Trátase dun documental sobre a figura de Luz Fandiño, unha poeta, activista, feminista e emigrante que viviu as realidades máis duras do século XX, e tamén as deste século XXI, posto que segue mantendo unha intensa axenda aos seus 91 anos. O de “poeta analfabeta” non é un cualificativo despectivo, senón a maneira en que a propia Fandiño segue referíndose a si mesma como creadora autodidacta que escribe a diario desde 1960 e imposible de encadrar en ningunha corrente. A proxección do filme documental púxose en horario de mañá para facilitar a asistencia das persoas usuarias do Centro de Día e da residencia Suacasa, que seguramente verán en Fandiño un exemplo inspirador diso que se deu en chamar “envellecemento activo”. O pase está aberto a calquera persoa que queira asistir. É gratuíto e chega a San Sadurniño da man da Área de Igualdade da Deputación da Coruña.

A realizadora Sonia Méndez réndelle homenaxe a Luz Fandiño contándonos a historia da súa vida, a súa loita política e a súa obra poética, tentando reflectir ademais “todo o que Luz xera ao seu redor, porque para moita xente Luz é un referente, case unha icona”.

Como anticipo do que se poderá ver o venres podemos escoitar esta entrevista coa directora publicada no podcast Café Derby 21. Nela Sonia Méndez explica como descubriu “unha muller excepcional cunha vida incrible” á que se refire como “activista punki”.

Segundo explica Méndez no audio, Luz Fandiño “é unha muller excepcional” que atopou na identidade galega e na escrita “un refuxio nunha vida durísima”. Filla de nai solteira republicana “e revolucionaria” na posguerra, Fandiño pasou “fame de ler e de comer, e non sei cal das dúas foi máis dura’, comentáballe a propia poeta a Belén Regueira nestoutra entrevista no Diario Cultural da Radio Galega.

Emigrou moi nova, parando primeiro na Arxentina e despois en Francia antes de regresar a Santiago. Escribe poesía desde os anos 60, todos os días, despois de empezar a ler a Rosalía e Cabanillas. “Sempre reflexando o que pasa no mundo, o que pasa en nós…e como nos queren facer tragar pedras de muíño”, apunta Luz Fandiño sobre a temática que tingue a súa creación, reflexo á súa vez do seu compromiso feminista e político. “É unha muller que está moito máis á esquerda que a esquerda, incorruptible nos seus ideais”, di dela Sonia Méndez.

O documental “A poeta analfabeta”, premiado co Luisa Villalta en 2019, proxectarase en San Sadurniño este venres gracias á colaboración da área de Igualdade da Deputación da Coruña. O pase comezará ás 11:30h na Casa da Cultura. Trátase dun horario pouco habitual elixido polo Concello para facilitar a asistencia de persoas usuarias do Centro de Día e da residencia Suacasa. A actividade, que é gratuíta, está aberta a calquera persoa que queira asistir.