‘A carreira dos superhéroes’ xuntou a 5.000 persoas que participaron na primeira edición desta proba deportiva RUNKI é un evento único en España, que sitúa á Coruña como referente do deporte adaptado
O concello da Coruña acolleu esta mañá a primeira edición da carreira RUNKI, unha proba deportiva que fomenta a inclusión das persoas con diversidade funcional. Os participantes, un total de 5.000, podían participar correndo, andando ou en cadeira de rodas adaptada, sempre que asistiran disfrazados á cita deportiva. Este é un evento único en España que sitúa á Coruña como referente do deporte adaptado.
A alcaldesa, Inés Rey, participou na proba deportiva así como na entrega de premios. O percorrido, de sete quilómetros en total, comezou ás 10.30 h e atravesou os grandes puntos de interese do centro da cidade, como son o Paseo Marítimo, a Torre de Hércules o castelo de Santo Antón ou as galerías da Mariña. A liña de meta situouse na praza de María Pita, onde os gañadores e gañadoras da carreira puideron recoller os seus premios.