Friday 22 de November de 2024

O ciclo Poetas Di(n)versos bota o peche á súa décimo terceira edición abordando a poesía de xénero dende Ecuador e Ferrolterra


Verónica Martínez Delgado e Aleyda Quevedo Rojas son as protagonistas do recital poético que terá lugar este luns (20.00 horas) no auditorio do Centro Sociocultural Ágora

O auditorio do Centro Sociocultural Ágora acolle mañá, ás 20.00 horas, o peche da 13ª edición do ciclo Poetas Di(n)versos, que reúne, desde o ano 2009 e mes a mes, a mellor poesía en galego e do resto do mundo. Este luns, a programación mensual dirá adeus á presente edición, antes da súa habitual pausa estival, coa vista posta no próximo outubro, cando se retomarán as actividades.

O acto previsto mañá terá protagonismo en clave feminina, ao reunir dúas voces que sitúan o corpo no centro das súas poéticas, atravesadas por unha perspectiva de xénero. Dende Valdoviño chegará Verónica Martínez Delgado e, dende Quito (Ecuador), Aleyda Quevedo Rojas. Nacidas ambas nos 70, autoras de arredor de dez poemarios e interesadas ambas nas políticas sociais, recitarán os seus versos en galego e castelán nun acto aberto e gratuíto de arredor dunha hora de duración. Coma sempre, a emisión en streaming alcanzará aquelas persoas que non poidan achegarse polo auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Unha libraría de proximidade porá á venda os seus títulos, que poderán levar asinados no caso de que interese solicitárllelo.

As traxectorias de Martínez Delgado e Quevedo Rojas
Verónica Martínez Delgado é autora de poemarios polos que recibiu galardóns coma o Francisco Fernández del Riego, o Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas ou o Afonso Eanes do Cotón. A súa obra foi estudada en varias publicacións e foi obxecto dun TFG (Traballo de Fin de Grao universitario). Ademais, editou varias obras de ensaio relacionadas coa intervención social e o estudo da historia da ciencia.

Pola súa banda, a poeta ecuatoriana Aleyda Quevedo Rojas é tamén xornalista, editora, ensaísta, xestora cultural e asesora e consultora en temas de políticas sociais e culturais.

Algúns dos seus dez poemarios viron a luz noutros cinco países distintos. Coordinou unha ducia de antoloxías de poesía latinoamericana e actualmente é editora do catálogo dixital de literatura Alfabeto del Mundo.

Os recoñecementos ao ciclo Poetas Di(n)versos
Nas últimas semanas, o ciclo de poesía do Concello da Coruña recibiu galardóns que recoñecen a constancia e o bo facer cos que cada mes segue a reunir o mellor da poesía galega e do resto do mundo. O primeiro foi o Premio Rodolfo Prada en xestión cultural e o segundo o Premio Follas Novas á Mellor Iniciativa Cultural de Galicia, outorgado polas librarías, as editoriais e os escritores e escritoras galegas ao que segue a ser o único ciclo estable que presenta poetas internacionais de maneira periódica e regular en toda España.