Evitouse a contaminación de 3.355.000 litros de auga e a emisión de 9,11 toneladas de dióxido de carbono.
Cando está a punto de cumprirse un ano desde que o Concello implantase tanto nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión como na urbanización Monte Claro de Cabovilaño o contedor laranxa para o depósito de aceites domésticos, os datos da recollida deste tipo de residuos poñen de manifesto o bo uso que se está a rexistrar por parte da cidadanía.
Neste período de aproximadamente dez meses a empresa autorizada pola Xunta de Galicia que xestiona os doce puntos de depósito existentes no termo municipal da Laracha comunica que foron recollidos 3.050 quilos de aceites domésticos. Segundo as súas estimacións, o correcto tratamento deste tipo de residuo evitou a contaminación de 3.355.000 litros de auga. Ademais, a súa transformación en biocarburante posibilitou a redución de 9,11 toneladas de emisións de dióxido de carbono (CO2).
Os contedores laranxas facilitan que a cidadanía poida desfacerse dun modo ecolóxico do aceite vexetal de cociña unha vez usado, xa que se trata dun material especialmente contaminante para a auga, que dificulta en gran medida o proceso de depuración e que, por tanto, non debe botarse polos desaugadoiros da cocina nin polos inodoros para evitar que cheguen á rede de sumidoiros.
Para un correcto uso deses contedores, o aceite debe depositarse en botellas de plástico ben pechadas.