Encontro entre o alcalde, Manuel Mirás, e o delegado en Santiago do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Fernando Blanco, para a presentación institucional do ICOIIG
O Concello de Oroso avaliará a posibilidade de ofrecer un servizo de asesoramento sobre instalacións eléctricas para os establecementos do municipio, en especial os do sector da hostalería. Así o anuncia o alcalde, Manuel Mirás, logo dunha reunión na casa consistorial co delegado en Santiago do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Fernando Blanco, que estes días está realizando unha serie de presentacións institucionais da entidade a diversas administracións locais.
Manuel Mirás amósase moi interesado na colaboración que ofrece o ICOIIG. En concreto, o alcalde explica que lle vai solicitar aos servizos xurídicos do Concello a viabilidade de contratar un enxeñeiro industrial co cometido de inspeccionar as instalacións eléctricas, asesorar os establecementos para o cumprimento da normativa neste eido, e tamén efectuar as certificacións enerxéticas de todos os edificios de titularidade municipal.
A contratación deste profesional podería levarse a cabo ao abeiro dun convenio entre o ICOIIG e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que contempla que Concellos e Deputacións poidan contratar colexiados de maneira temporal e cumprindo a normativa de contratación establecida polo Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas.
Fernando Blanco declara que estas presentacións do Colexio serven para poñerse a disposición dos Concellos para as consultas que poidan realizar sobre instalacións, estruturas ou calquera outro ámbito da enxeñería industrial. O delegado do ICOIIG en Santiago fixo tamén especial fincapé en que as administración locais fagan un especial esforzo en evitar o intrusismo profesional, polo que cre necesario que os Concellos resolvan as súas dúbidas en canto ás atribucións profesionais doutras profesións reguladas, e en especial das que non están legalmente reguladas.
Blanco e Mirás tamén abordaron a existencia do visado voluntario para os proxectos. Este documento, tal como explico o delegado do ICOIIG en Santiago, garante que a súa autoría é un profesional colexiado coas competencias recoñecidas, que dispón dun seguro de responsabilidade civil en vigor e que supón ademais a existencia dun control por parte do ICOIIG sobre estes proxectos. Mirás coincidiu na conveniencia de que se cumpra a normativa na tramitación de aperturas de establecementos.