Guiadas polos párrocos de Lestedo e Granxa
Oito veciñas de Boqueixón, que participan no programa de Prevención da Dependencia, tomaron parte nunha recente saída ao Pico Sacro. O alumnado contou coa colaboración de José Piso, párroco de Lestedo, quen guiou a visita de xeito excepcional relatando a historia do Pico Sacro e abordando aspectos xeolóxicos, históricos e lendarios.
O tempo acompañou e as veciñas puideron desfrutar das vistas panorámicas dende o cumio, observar unha das covas e atender tamén as explicacións dentro da ermida de San Sebastián, grazas ao párroco da Granxa, Sidonio José Alves de Sousa, quen participou tamén na actividade. Aínda que poida resultar sorprendente, algunhas das participantes nunca estivera no Pico Sacro nin coñecía polo miúdo a súa historia.
Visitas teatralizadas, xeolóxicas e espeleolóxicas
Por outra banda, durante este mes de xuño haberá varias visitas guiadas ao Pico Sacro dentro do programa “Un mes e Pico”. Todas elas son de balde, se ben é preciso reservar praza no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.
Por unha banda, o grupo “Os Quinquilláns” farán visitas teatralizadas sobre o mito da Raíña Lupa e o encanto do monte sacro. Así Seixo, un mouro, recibirá ás persoas visitantes e presentaralles á poderosa Raiña Lupa, que lles contará as probas que os discípulos do Apóstolo Santiago tiveron que pasar para converter Compostela nunha cidade e o Pico Sacro nun lugar lendario. As visitas están programadas para os días 5, 12 e 25 de xuño, ás 17:30 horas.
Geotur encargarase das visitas xeolóxicas guiadas ao Pico Sacro o 12 e o 19 de xuño, ás 12.00 horas. A diferencia das anteriores, trátase de dúas viaxes á orixe xeolóxica do Pico Sacro, un fito xeolóxico e xeográfico únicos en Galicia. Finalmente, a Federación Galega de Espeleoloxía ten programadas catro baixadas espelelóxicas ás covas do Pico Sacro para os sábados 11 e 18 de xuño, ás 11:00 e aás 16:30 horas.