O Concello de Santiago pon en marcha o Banco de planta forestal, unha iniciativa de intercambio de árbore autóctona para cumprir co obxectivo fixado na campaña “1 voto, 1 árbore” consistente en plantar unha especie senlleira por cada voto recibido polo Carballo de Conxo na súa carreira por facerse co título de Árbore Europea do ano 2022. O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, visitou esta mañá o banco, acompañado polos responsables dos departamentos de Emprego, Xabier Ferreiro, e de Parques e Xardíns, Gregorio López.
“O Banco de planta forestal será unha ferramenta por medio da cal poderemos cumprir o noso obxectivo de plantar 100.000 árbores autóctonas no Concello de Santiago, para o ano 2030”, indicou José Manuel Pichel, que visitou esta mañá o viveiro municipal de Lamas de Abade, onde se encadra o Banco. “Sabemos que coidar e protexer os nosos bosques é coidar e protexer ás persoas. Por esta razón queremos recuperar terreos degradados pola acción humana, para que volvan ser o que un día foron; un lugar onde convivan en perfecta harmonía a flora e a fauna”, engadíu.
Segundo explicou Xabier Ferreiro, “é unha iniciativa de intercambio de planta forestal que emula simbolicamente o funcionamento dun banco, pero no cal aquilo que se “presta” e se “recibe” é planta forestal autóctona”. Este mecanismo de intercambio ten por obxectivo establecer unha rede colaborativa para coidar e protexer os bosques urbanos. Trátase, basicamente, de intercambiar plantas forestais, sen ánimo de lucro nin ningunha mediación monetaria. O usuario pode deixar “landras, plantóns ou árbores en maceta” ou pola contra pode retirar aquelas que estean en condicións de ser transplantadas en terreos degradados ou dispostos para a reforestación.
“Para poder cumprir o noso obxectivo de plantar árbores co Banco de planta forestal, o noso viveiro traballará para a produción de plantas autóctonas e colaborará directamente con colexios, asociacións e donos de terreos susceptibles de reforestar”, salientou Pichel que lembrou que “todas as árbores que se empregarán para a reforestación son especies autóctonas como carballo, castiñeiro, acivro, bidueiro, faia, freixo, pradairo, etc”.
SOLICITUDE DE PLANTA FORESTAL
As solicitudes de doazón de plantas forestais con carácter gratuíto formularanse, en modelo normalizado, para aquelas actuacións de protección do espazo natural e sensibilización-educación ambiental promovidas por colexios, centros educativos ou de formación, asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro e particulares, todos eles pertencentes á cidade de Santiago de Compostela, e que impliquen a plantación das ditas plantas en terreos de Santiago de Compostela, dos que se deberá acreditar a súa dispoñibilidade para ese fin por parte da persoa propietaria, completando a correspondente declaración responsable.
Poderán realizar o trámite online ou descargar a solicitude e presentala de xeito presencial.
Que planta se pode solicitar?
No mes de outubro o Concello de Santiago de Compostela publicará a relación de planta forestal dispoñible no Banco de planta para a campaña 2022-2023.
Orde de prioridade
A planta forestal producida no Banco de Planta distribuirase, previa solicitude das persoas interesadas, de acordo coa seguinte orde de prioridades:
1º) O Concello reservarase toda a planta forestal prevista para a repoboación de terreos declarados de Utilidade Pública.
2º) Colexios e Centros Educativos ou de Formación da cidade.
3º) Asociacións e Fundacións sen ánimo de lucro da Cidade.
4º) Particulares.
5º) Empresas.
6º) Outros.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes da planta forestal será do 16 ao 31 de outubro de 2022, ambos inclusive. A resolución das solicitudes presentadas realizarase a partir do mes de novembro.
Desde o 1 de novembro de 2022 e ata o 31 de marzo de 2023 admitiranse para trámite novas solicitudes de planta, que serán atendidas segundo a orde da data de entrada en rexistro e en función da dispoñibilidade de existencias.
PLANTACIÓN RESPONSABLE
Para asegurar a plantación responsable, o Banco de planta facilitará ás persoas e entidades interesadas un manual para a plantación e coidado responsable das árbores e fichas descritivas de cada especie.
Se queremos que a nosa árbore estea san deberemos ter en conta os seus requirimentos. Non todas as árbores crecen en calquera sitio, cada especie ten as súas preferencias e necesidades. Algunhas árbores desenvólvense mellor en lugares fríos e húmidos, outras prefiren os enclaves máis asollados e secos, etc.
Doutra banda hai que ter en conta a influencia da árbore na contorna e as posibles consecuencias cando esta creza. Cada especie crece dunha maneira e necesita o seu espazo e os seus coidados (poda, rega, etc.).
É moi importante elixir ben a especie de árbore que queremos plantar en función do lugar. Con este fin o Banco de plantas forestais desenvolverá actividades educativas, divulgativas e de sensibilización forestal dirixidas tanto aos integrantes do sistema educativo como ao resto da cidadanía.