Saturday 16 de November de 2024

A Aula de Idiomas do Concello de Brión incorporará por primeira vez Francés e Alemán


Continúan os cursos de inglés (iniciación, medio e avanzado), as de preparación para as probas oficiais (PET e FIRST) e os específicos para Comercio e Hostalaría

Tras o éxito acadado nos cursos de Inglés organizados para persoas adultas (a partires de 16 anos), a Aula de Idiomas do Concello de Brión incorporará por primeira vez clases de Francés e Alemán. Así, ampliarase a oferta ata tres idiomas para o presente curso escolar. As sesións impartiranse no Centro Social Polivalente brionés.

Os novos cursos das Aula de Francés e de Alemán desenvolveranse todos os martes e xoves en horario de 21.00 a 22.00 horas. As clases comezarán en outubro.

O prazo de inscrición para os cursos xa está aberto e poderanse presentar as solicitudes ata o próximo 18 de setembro na Casa da Cultura. Os empadroados en Brión terán preferencia e para poder desenvolverse os cursos deberá haber un mínimo de oito alumnos, sendo un máximo de dez por aula. As probas de nivel de inglés para os cursos máis avanzados realizaranse na semana do 14 ao 18 de setembro (as persoas que asistiron ás clases de inglés no pasado curso non terán que realizar ditas probas).

A oferta da Aula de Idiomas tamén inclúe aos máis cativos. Establécense dous grupos. O primeiro diríxese a rapaces de 4 a 6 anos, que terán clase os luns e mércores entre as 17.45 e as 18.45 horas. O segundo é para nenos de 7 a 10 anos con horario de 16.45 a 17.45 horas os lunes e mércores. O prezo destes cursos é de 150 euros ao ano.

No tocante aos adultos, ofrécense dous grupos de inglés de iniciación con clases os luns e mércores de 11.00 a 12.00 horas (Grupo 1) ou ben de 21.00 a 22.00 horas (Grupo 2). Tamén haberá dous grupos de nivel intermedio, con horario de mañá (de luns a mércores entre 12.00 e 13.00 horas) ou de tarde (os mesmos días, entre as 20.00 e as 21.00 horas).

Ofértanse tamén para este ano os cursos de preparación das probas oficiais do PET (cuxas clases se desenvolverán todos os luns e mércores de 20.00 a 21.00 horas) e do FIRST (os martes e xoves de 20.00 a 21.00 horas). Complétase a oferta formativa coas sesións específicas de Inglés para o Comercio (os martes e xoves de 11.00 a 12.00 horas) e para Hostalería (os martes e xoves de 19.00 a 20.00 horas). Estes dous últimos cursos só se impartirán de outubro a decembro.

Os prezos dos cursos da Aula de Idiomas para adultos (a partires dos 16 anos) é de 90 euros por trimestre, que se deberá abonar nos meses de setembro, decembro e marzo. Se se precisa máis información, só hai que acudir á Casa da Cultura, chamar ao teléfono 981 509 908 ou enviar un e-mail a empregobrion@gmail.com.