Salienta que o Goberno galego mobilizou xa máis de 270 millóns de euros para que case 70 empresas desenvolvan as súas iniciativas no ámbito da fábrica intelixente
Incide en que a transición enerxética abrupta e sen planificación do Goberno central está comprometendo a viabilidade de sectores estratéxicos para a economía galega
“Combinar a sostibilidade ambiental co progreso industrial e económico é posible”, di, asegurando que a Administración autonómica seguirá comprometida co sector industrial da Comunidade, “para seguir xerando riqueza e futuro”
Recorda que os fondos Next Generation son unha oportunidade histórica para apoiar proxectos de futuro
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o potencial de Galicia na produción de materiais fundamentais para o futuro sustentable e innovador da economía, referíndose a modo de exemplo ao proxecto Eco-Smart Batt de baterías de ion-litio, que a empresa Ferroglobe está a desenvolver co apoio do Goberno galego, cun investimento de 1,76 millóns de euros.
Durante o acto do 50 aniversario de Ferroglobe, Rueda salientou a aposta desta compañía pola innovación, converténdose na única do país dedicada á produción de silicio, un dos materiais incluídos pola UE na súa lista de materias primas críticas. Ademais de recordar que o Goberno galego mobilizou xa máis de 270 millóns de euros para que case 70 empresas desenvolvan as súas iniciativas no ámbito da fábrica intelixente.
“Combinar a sostibilidade ambiental co progreso industrial e económico é posible”, abundou, asegurando que a Administración autonómica seguirá comprometida co sector industrial da Comunidade, “para seguir xerando riqueza e futuro”.
Rueda aproveitou a súa intervención para facer fincapé en que a transición enerxética abrupta e sen planificación do Goberno central está comprometendo a viabilidade de sectores estratéxicos para a economía galega. E asegurou que a Administración autonómica seguirá comprometida coa industria da comunidade, solicitando a aprobación do PERTE das electrointensivas.
“Así mesmo, recordou tamén que os fondos europeos NextGeneration son unha oportunidade histórica para apoiar proxectos de futuro. Do mesmo xeito que a Xunta de Galicia seguirá apoiando a Ferroglobe no seu desenvolvemento tecnolóxico e técnico vinculado ao campo da mobilidade sostible, dando así continuidade aos resultados que a empresa obteña no marco do programa de Fábrica Intelixente que desenvolve a Administración autonómica.