Friday 22 de November de 2024

O espectáculo de monicreques ‘Tic Tac, el héroe del tiempo’ pecha o ciclo de artes escénicas no Fórum


A obra de Omar Álvarez poderá verse este fin de semana

O auditorio do Fórum Metropolitano acolle, este sábado 4 de xuño, a última función do seu ciclo ‘Todo Público’ que comezou o pasado mes de febreiro coa función ‘Uniko’. O ciclo é xa un dos veteranos no Fórum Metropolitano, que viu a luz por primeira vez hai 34 anos e converteuse nun dos primeiros concellos en achegar o teatro aos/ás máis pequenos/as.

O espectáculo desta fin de semana, ‘Tic Tac, el héroe del tiempo’, é a nova creación de Omar Álvarez, quen combina delicados monicreques con proxeccións realizadas en stop-motion. Os bonecos son construídos a partir de obxectos cotiáns, dándolles unha segunda vida útil a elementos en desuso do día a día. Deste xeito, Omar Álvarez fai que as crianzas se acheguen a unha aventura chea de emoción, humor e poesía visual, namorando a persoas de todas as idades e somerxendo a nenos e nenas nunha historia de sensacións a través da cal aprender algunha ensinanza.

‘Tic tac, el héroe del tiempo’ conta a historia dun antigo reloxo espertador que cada mañá lle dá corda á súa colección de reloxos. Un día recibe un tentador obsequio: un teléfono moderno. Tic tac acepta o regalo de Wifi, mais rapidamente se verá ameazado por el xa que detrás da súa inocente aparencia atópanse intereses perigosos que complicarán a súa existencia. Un espectáculo de 40 minutos de duración que lles fará tomar conciencia aos máis pequenos e ás máis pequenas sobre os perigos da tecnoloxía.

As entradas para asistir ao espectáculo, xa á venda, terán un custo de 6 euros para o público xeral e de 2 euros para as/os menores de 3 anos. Ademais, tamén hai a posibilidade de adquirir un abono familiar (con tres entradas para unha mesma función) por 15 euros. Os pases están dispoñibles na web de Ataquilla.com, e tamén están á venda no despacho de billetes da praza de Ourense (de luns a venres, de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas, agás festivos), así como no despacho de billetes do Fórum Metropolitano desde unha hora antes do comezo do espectáculo, sempre que haxa entradas dispoñibles.

O ciclo ‘Todo Público’ tivo un total de sete espectáculos
O auditorio do Fórum Metropolitano acolleu un total de sete espectáculos dentro do ciclo ‘Todo público’, que comezou coa función ‘Uniko’ o pasado 12 de febreiro e seguiu con ‘Feirantes’, o cinco de marzo. ‘Ningures’ (2 de abril), ‘Quixote’ (7 de maio) e ‘Con la cabeza en las nubes’ (21 de maio) foron as obras encargadas de lles facer gozar aos/ás máis pequenos/as durante os meses centrais da primavera. Uns días antes da chegar á súa fin con ‘Cris, la pequeña valiente’ (28 de maio), antesala da última función do ciclo ‘Tic Tac, el héroe del tiempo’ deste sábado 4 de xuño. Unha programación que novamente pon de manifesto a importancia da cultura no Concello da Coruña, tamén na xentiña máis nova.