— Esta iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta, promoveu o desenvolvemento este curso de sete proxectos de voluntariado de proximidade polos estudantes de primaria de varios centros galegos
— A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou na clausura do acto a importancia do voluntariado na contorna como elemento chave para a sensibilización social das nenas e nenos
A Xunta de Galicia coñeceu hoxe todos os proxectos postos en marcha en sete centros galegos ao abeiro do programa Voluntariado Miúdo: Móvete neste curso 2021/2022. O acto, celebrado esta mañá de forma virtual, contou coa participación dos centros implicados así como da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que despediu a presente edición do programa.
Concretamente, presentaron os seus proxectos o CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros (A Coruña), os CPR Divina Pastora e Luis Vives de Ourense, o CEIP San Tomé de Cambados (Pontevedra), o CEIP San Marcos de Abegondo (A Coruña), o CEIP de Reibón de Moaña (Pontevedra) e o CEIP Os Casais de Fene (A Coruña). Todas as súas iniciativas, que se desenvolveron ao longo do curso, están vencelladas a temáticas como a solidariedade ou o coidado polo medio ambiente.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, pechou o acto agradecendo a implicación da comunidade educativa de todos os centros participantes. Ademais, destacou a importancia do voluntariado na contorna como elemento chave para a formación en valores solidarios e na sensibilización social das e dos escolares de Galicia.
Sobre o programa
O programa Voluntariado Miúdo: Móvete, desenvolvido pola Consellería de Política Social e Xuventude no marco do Plan Proxecta, pretende promover os valores da cultura solidaria e a adquisición de competencias fundamentais para o alumnado a través de proxectos de acción voluntaria cun impacto directo no seu ámbito de actuación e na dinámica educativa do centro.