Friday 22 de November de 2024

A AGASP inicia un novo concepto de formación encamiñada á obtención do certificado de profesionalidade en emerxencias


Ofertará máis de 300 prazas para obter este certificado, nas que se van primar aos desempregados, que poderán recibir residencia e manutención gratuíta

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, compareceu esta mañá en rolda de prensa para explicar a programación da Academia Galega de Seguridade Pública durante o derradeiro cuadrimestre do ano 2015.

Segundo destacou Luis Menor, a Academia estradense iniciará un novo concepto de formación encamiñada á obtención do certificado de profesionalidade en emerxencias. Así convocaranse 21 cursos para a obtención deste certificado na modalidade de “extinción de incendios e salvamento”.

Estes cursos, que supoñen 1.380 horas de formación, ofertan un total de 336 prazas para alumnos e alumnas pertencentes a Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, Bombeiros, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e demais persoal profesional relacionado coas emerxencias.

Precisamente, para facilitar este tipo de formación entre os voluntarios de Protección Civil -para os que se reservan 192 prazas- unha das novidades deste ano é que se primará aos desempregados, aos que a Academia lles facilitará a residencia gratuíta e a manutención o tempo que dure o curso.

Ademais o centro de estudos impartirá outros cursos relacionados coa navegación, o manexo de vehículos todoterreo, os riscos laborais, a busca de persoas desaparecidas ou a dirección, xestión e coordinación operativa nas emerxencias, por citar algúns exemplos.

En total, a Academia ofertará 63 edicións de cursos para o persoal do Sistema Integrado de Protección Civil e Emerxencias de Galicia, máis de 2.400 horas de formación e preto de 1.350 prazas. Estes profesionais tamén poderán iniciarse, por primeira vez na AGASP, na formación en emerxencias on line, con novos cursos a partir do mes de novembro.

Formación policial
No tocante á formación da Policía, outro dos grandes piares da actividade formativa da Academia, para os vindeiros meses convocáronse 750 prazas, distribuídas en 45 cursos e con 500 horas lectivas.

Dentro destas actividades, compre destacara a realización de cursos de formación relacionadas con novas leis que lles afectan directamente na súa labor diaria, como e o caso da reforma do Código Penal, a Lei de Seguridade Cidadá ou o Estatuto da Vítima.

Ademais destes cursos, celebraranse dúas xornadas relativas á reforma do Código Penal e á Lei de Seguridade Cidadá, cun total de 800 prazas. Nestas xornadas, poñentes de grande relevancia na materia intentarán dar resposta a todas as dúbidas que puideran xurdir entre os profesionais respecto destas novas normas.

Doutra banda, a Academia continuará coa formación dos policías locais en materia de violencia de xénero e coas probas de obtención -e renovación- da habilitación do persoal de control de espectáculos públicos e actividades recreativas ou “porteiros”. Como novidades, haberá cursos de condutas predelitivas en menores, riscos de internet ou fraudes a consumidores e estafas telemáticas, entre outros.

Mención especial merecen os cursos de mediación policial, que tras a súa modalidade “básica” en 2014, agora continúan cos de especialización. Ofértanse 180 prazas entre os policías locais, autonómicos e nacionais xa formados no anterior curso co obxectivo de que a finais deste ano xa existan policías mediadores en materia penal traballando en Galicia.