Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Boqueixón promove a súa oferta turística cun stand en Festur 2022


O alcalde, Manuel Fernández Munín, participou na presentación do programa de actividades Goza do Ulla

O Concello de Boqueixón participa un ano máis na VII Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2022, que ten lugar do 2 ao 5 de xuño no salón de turismo Turexpo Galicia, dentro da 44 edición da Semana Verde de Galicia. Unha feira que foi inaugurada esta mañá polo vicepresidente segundo, Diego Calvo.

Boqueixón participa cun posto propio en Festur 2022 no que promove as súas dúas festas de Interese Turístico: a Festa da Filloa de Lestedo e o Entroido dos Xenerais do Ulla. Así mesmo, o Concello aproveitará tamén para promover os seus distintos recursos turísticos e culturais, comezando co Camiño de Santiago e o Pico Sacro, e seguindo polas distintas áreas naturais, rutas de sendeirismo e patrimonio histórico e cultural coas que conta o municipio.

Unha promoción na que terá un especial protagonismo o programa “Mes e Pico”, que inclúe visitas teatralizadas e xeolóxicas ao Pico Sacro, baixadas espeleolóxicas ás covas do monte sacro e conferencias sobre a relación do Pico Sacro co mito xacobeo. Unha programación de actividades totalmente gratuíta, previa inscrición no Departamento de Turismo de Boqueixón ou no 981 513 061.

Actividades

Por outra banda, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, participou hoxe na presentación do programa “Goza do Ulla 2022” canda os seus homólogos de Vedra, Touro, Palas de Rei e Agolada, entre outras autoridades. Unha iniciativa que dará comezo o vindeiro 11 de xuño en Vila de Cruces e que rematará o 29 de outubro en Santiso. Estes percorridos polas rutas de sendeirismo dos concellos bañados polo río Ulla chegarán a Boqueixón o 24 de xullo, cun percorrido de 10 quilómetros pola ruta dos pescadores.

Para mañá venres 3 de xuño, de 13:00 a 14:00 horas, está programada unha degustación de Galo de Curral organizada conxuntamente polos Concellos de Vila de Cruces, Vedra e Boqueixón.