Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Trazo pregúntalle ao Concello polas razóns que fan que a Dirección Xeral de Saúde Pública recomende non bañarse en Chaián


As análises recollen unha contaminación microbiolóxica da auga da área recreativa tracense que multiplica por 10 os resultados normais doutras áreas da comarca

O PSOE de Trazo vén de trasladarlle ao Goberno local unha batería de preguntas sobre as razóns que propiciaron que a Dirección Xeral de Saúde da Xunta de Galicia recomende non bañarse na área recreativa de Chaián, no río Tambre. O secretario xeral dos socialistas, Jorge Noya Pereiro, considera que “estamos ante unha situación de moita gravidade nunha das zonas máis turísticas de Trazo, como é a área de Chaián, e xusto cando comeza a época de verán resulta que non é posible o baño debido a unha contaminación microbiolóxica da que o Concello nin informou nin dixo absolutamente nada, cando as análises están datadas do 17 de maio e ata houbo un pleno ordinario de por medio”.

Os resultados dos controis microbiolóxicos das augas da zona de baño de Chaián dan uns resultados de 1.100 NMP/100 ML en escherichia coli (bacteria que se atopa nos intestinos de persoas e animais) e de 340 NMP/100 ML en enterococo intestinal (bacteria fecal). Un informe no que os resultados máis elevados, pero aceptados dentro dos estándares de seguridade, son os do río Furelos en Melide (270 e 53) ou do propio río Tambre en Tapia (Ames, 180 e 9). Unhas cifras que a área recreativa de Chaián multiplica por dez.

“Queremos que a alcaldesa nos diga dende cando ten coñecemento desta cuestión e que medidas vai a tomar a cabo para revertela”, sinala Jorge Noya, quen non esquece que “o Concello tamén debe explicar como se puido chegar a esta situación nunha das áreas naturais máis fermosas do municipio e de se vai avisar á xente ou a poñer cartelería informando de que non está recomendado bañarse na zona”.